lunes, 2 de mayo de 2016

Próxima tertulia literaria



                                                                       




A próxima tertulia será con Vanesa Sotelo e o seu libro  Nome: Bonita, unha obra de teatro.
O día 27 de maio ás 21:00 horas na Biblioteca Pública Municipal de Moaña (Quintela)

Vivir á intemperie (ou Cabalos e lobos) / por Soledad Ríos Santomé


     
    FRAN P. LORENZO

Cabalos e lobos

(Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 11 de marzo de 2016)





 

A cita con Fran P. Lorenzo foi o pasado 11 de marzo, nunha tarde que preludiaba a primavera que xa botamos en falta. A novela da que imos falar é Cabalos e lobos (Xerais 2015), a estrea editorial deste xornalista con longa experiencia nos medios que comezou en Galicia Hoxe e O Correo Galego nos seus primeiros tempos, participou na posta en marcha do extinto Dioivo máis tarde e traballa na actualidade en El Correo Gallego. A linguaxe xornalística á que está habituado afástase un tanto da deste relato, cun forte compoñente histórico que se achega máis ás súas teimas persoais.

“Quería sacar esa historia e todo foi unha sorpresa, a boa acollida, o premio…”, comeza dicindo o autor, en referencia ao Premio Blanco Amor de Novela Longa 2014 co que se galardoou o seu relato e á boa recepción que está a ter (3ª edición nesta altura). “Este é o primeiro libro que escribo, o primeiro que publico e o relato gusta. Non teño queixa”.

“Levaba máis de 20 anos con esas historias roldándome a cabeza e non foi ata hai catro anos cando atopei a estrutura na que encaixasen nunha única as diferentes historias que eu quería contar”. Esa estrutura, ese vértice de confluencia, é o edificio Albo [na Gran Vía nº 2]. “Eu quería falar da historia de Vigo, contar cousas da miña cidade que non son tópicas, que sorprendan incluso aos autóctonos por descoñecidas, e centrei o relato nesa edificación porque é un símbolo, un contedor no que conflúen o plano histórico, o íntimo e o da cidade”.

Entre eses datos descoñecidos está o medre exponencial de Vigo nos anos 20 ou 30 [do século XX], o seu cosmopolitismo, a sensación de progreso infinito de entón, o asentamento dunha colonia alemá cun gran status e influencia local, o tránsito e o comercio coa Alemaña nazi, as folgas do 72…

O labor previo de documentación foi demorado e exhaustivo. “A min a historia de Vigo sempre me interesou pero quixen afondar nela e cheguei a manexar tal cantidade de datos que, xunto coa miña obsesión polos detalles, corría o risco de non deixar avanzar a trama. E esta información tiña que ser transversal á historia. Non era o que eu quería contar”. E o contexto histórico, coincidimos na sala, está construído con moito respecto.

Con estes vimbios Fran P. Lorenzo decide acometer unha urdime de realidade e ficción na que, ratifica, “se garda especial fidelidade ao contexto histórico. Non obstante, non existiu ningunha familia Beckmann. Algunha que si se lle semellaba pero os personaxes están construídos en función do que eu quería narrar”.

Nesa historia do século XX que reflicte quixo facer especial fincapé nas guerras que o atravesaron (as dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española) a través da traxectoria dos Beckmann incorporando ao relato outras cuestións que forman parte das súas preocupacións vitais: o amor, a represión, a liberdade… e o espazo “porque eu quería que a cidade fose un personaxe con tanto peso como os demais”.

“A miña foi unha escrita pausada pero firme. Tardei catro anos en rematar a novela porque para min o difícil foi atopar a estrutura pero, unha vez decidida, comecei na páxina 1 e rematei na 190, todo de corrido. Tamén debín depurar moito o estilo. Eu son moi barroco redactando pero busquei unha narración fluída, accesible, que chegase a canta máis xente, mellor”.

Para acadar esta conexión co público optou pola primeira persoa (Paula na primeira e terceira parte do libro; Álvaro, na segunda) nun ton tremendamente emocional, comentáse na tertulia. O autor explica: “Eu quería que a historia fose contada por unha persoa allea, dunha familia alemá, instruída, cunha posición social alta… Isto dábame opción a poder narrar con distancia certos feitos e a introducir referencias culturais que doutro xeito serían pouco cribles. Incorporei tamén episodios persoais como o de escoitar a radio nun armario ou inspirarme na miña familia para algúns personaxes, como Delfina”.

“Por outra parte, a elección de Paula como protagonista vén dada porque eu pretendo que sexa ela a que nos acompañe a través da narración e que esta historia se viva como un proceso de descuberta. Nós non sabemos máis ca ela. Isto é moi evidente no episodio da carta. Os lectores asistimos a unha revelación a canda ela”.

Amais, desexaba deixar constancia do peso do espazo neste personaxe, de como a inflúe porque “Paula se sente como parte da cidade, como a min tamén me pasa. Eu creo que cada persoa é diferente segundo o lugar no que vive porque os espazos nos habitan á vez que nós habitamos os espazos”, afirma.

E, espalladas por todo o relato, existen mencións constantes á música de xeito que sería posible elaborar unha listaxe da novela, coméntase. O capítulo XI onde se detalla a venda do piano está narrado como unha ópera (Ópera nun acto) e as referencias á música clásica (Schubert, Debussy, Bach, Beethoven…) son reiteradas. A impresionante Margarita na roca de Schubert, a canción que interpreta Gloria ao piano e que se reproduce na sala, é a elixida tamén para o seu primeiro book teaser da novela, ao igual que Starman de Dawid Bowie, unha das poucas referencias á música moderna, que o autor reserva para acompañar o book teaser nº 4 xunto coas imaxes das folgas en Vigo de 1972. “Eu escribía con música de jazz dos anos 20, comenta o autor, porque me axudaba a crear un ambiente propicio para a novela. E as escollas musicais non son casuais”.

Na sala, igualmente, incídese no forte compoñente visual da obra. O escritor aclara que “eu cando escribo penso en imaxes. A min gústame moito o cine americano dos anos 50 ou 60 e creo que isto se imprime na obra”. Quen sabe!, afírmase, quizais non tardando moito alguén se interese polo libro como materia para unha película.

Entre os espazos aludidos non se escamotea o retrato dalgúns pouco comúns: os ambientes sórdidos, portuarios, de marxinalidade sexual. “Sobre este ambiente de posguerra non hai nada escrito. Eu tiven que tirar de informacións familiares, de documentos… Non obstante, sabemos que isto pasou, que existiu e eu quería deixar constancia”. Fran P. Lorenzo quixo incidir especialmente na falta de normalidade á que estaba abocada a homosexualidade nese tempo. A historia de Álvaro e Bruno está pexada pola lei [de vagos e delincuentes] que penalizaba este comportamento e os abocaba ao ocultamento e á clandestinidade. “E o verdadeiro drama, o máis duro da represión, é impedirlles ás persoas poder sequera imaxinar outra vida. Por iso Álvaro deixa pasar a oportunidade de vivir plenamente con Bruno. É a súa oportunidade perdida”. E por iso mesmo el quixo sacala á luz, dotala de relevancia e pór o amor entre os dous homes en pé de igualdade ca o dos demais.

“Estamos ante unha novela moi reflexiva”, engádese. “Non sería posible redactar algo así sen certo pouso vital, certa madurez”, afirmacións coas que concorda o autor.

Frases como “Quenquera que tirou esta imaxe logrou capturar o intre dunha ficción suprema: a dun grupo humano que escapa ao seu destino…” ou “A perda viaxa en tren, niso a vida imita as películas” son ilustrativas deste aspecto.

Os personaxes, coa soa excepción de Bruno, no que se repara con detalle, carecen de descrición física, menciónase. Ademais, recluídos no silencio e nunha gran incomunicación, transmiten unha poderosa sensación de vulnerabilidade: a de Paula ao coñecer a súa posible enfermidade; a de Gloria ao saberse descuberta ao piano; a de Álvaro, pola súa condición de homosexual, e a do Thomas pola acusación de que é obxecto. “A vulnerabilidade, confesa o autor, espértame unha gran empatía e creo que é unha das sensacións máis duras da vida”. “Toda a miña existencia resúmese agora noutro empeño magnético: eludir o desamparo, afastalo de min e dos meus. (…), non sempre logrei os meus propósitos. Fracasei”, escribe o autor na voz da protagonista.

Os personaxes, continúase, manteñen un papel cambiante na trama. Desde a aparición fugaz dun instrumentado Pedro I o Conquistador ata a reaparición dun Ramón Costa que lle dá un xiro inusitado á trama, o peso acaba recaendo nas mulleres da familia: Paula e, especialmente, Gloria e Delfina, a criada, que son as que coñecen toda a historia. A esta última estalle reservado un papel esencial: a custodia da memoria e dalgúns obxectos que a transmiten.

Porque, segundo confesa Fran P. Lorenzo, os obxectos da novela son relevantes e presentan múltiples funcións. A primeira está relacionada co seu interese por retratar fielmente un espazo burgués, o que lle dedicou longo tempo e esforzo, (así acontece, por exemplo, co espello); a segunda ten que ver coa propia frase de Paula (tirada de Thomas Mann) de que a súa familia ten máis interese polos obxectos ca polas persoas e, por último, pola propia función que o autor lles reserva no relato: o de ser transmisores da memoria e das verdades.

Nesta última liña está a permanencia do documento coa denuncia de Ramón Costa en poder de Delfina e o episodio do colar que loce no concerto Úrsula, nai de Gloria. Esta xoia é o recordatorio da traizón aos xudeus Skov, pero tamén é testemuña da culpa que persegue a familia: “Case todo o que herdei da miña familia leva impresas dúas marcas de auga: a do medo e a da culpa”, menciona Paula.

Complementariamente a estas emocións tan devastadoras, o autor remata aludindo ás ausencias nas cidades, aos espazos un día habitados e logo desaparecidos ao se derrubaren certas edificacións. “Non quixen prescindir de mencionar que os lugares que habitabamos e que deixan de existir deixan cicatrices nas cidades. A alusión ao café Derby que remata o libro vai neste sentido. Un non pode crer que un edificio que sempre estivo aí un día xa non exista, como o Derby, como o colexio Cluny. Eu vivo esa perda como un shock.”

“Acabar o libro, ser capaz de contar a historia que eu quería, foi unha emoción moi grande para min. Eu, que son un gran amante da poesía, teño aquí os versos que non puiden facer. Nestas páxinas está o que eu son. E polo de agora non podo pensar en nada máis”.





Soledad Ríos Santomé