Mostrando entradas con la etiqueta (2004) 2º Certame de Microrrelatos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta (2004) 2º Certame de Microrrelatos. Mostrar todas las entradas

lunes, 21 de marzo de 2016

Certame de microrrelatos. 2ª ed. (2004)


1.Gañador: Serafín Parcero

Relato: Contrabando

2.Accésits:

Xosé Manuel Pazos; Relato: Meniño da guerra

Jesús Bahamonde; Relato: Defecto bolboreta,

Mencións:

Xan Rodiño; Relato: O vello sen mar

Manuel Ángel Menduíña; Relato: Área de descanso

Rafael Costas; Relato: Tempos modernos

3. Palabra: peaxe

…………………………………………………………………………………………………..

RELATO GAÑADOR:

Contrabando


Na primeira hora da mañá a néboa era tan mesta que se confundía co bafo quente que deitaba nas súas mans despois de fregalas enerxicamente, para que lle entraran en calor. Pensara volver para a casa, ó refuxio das sabas aínda quentes, cando unha brisa livián inzou na súa aba á brétema e foi levándoa dentro da ría, onda á ponte da peaxe. Así que armou os remos e vogou cara ó Arroás. Non acadara as primeira bateas cando albiscou algo entre as esvaecidas nubes que se resistían en deixar de bica-lo mar: unha planadora de poliéster, empurrada polo sudoeste e as correntes, loitaba por fuxir das cordas do mexillón que a ían enleando cada vez máis, contra da súa vontade fuxidía. Ó se agachar comprobou que estaba cargada de caixas de tabaco americano. Fondeou a planadora no seu morto e deixouse caer polo cuartel da Garda Civil. O comandante do posto felicitouno e anuncioulle que pronto Facenda lle ingresaría unha parte do valor do cargamento. De Facenda nunca máis volveu a saber, máis iso si, fumou gratis o resto da súa vida.

Anos despois, un cancro de pulmón, sen avisos nin reparos, converteuno nun fol de ósos e pelellos. O Paletas, amigo da nenez, moceo, servicio militar e frías noites na ardora, foi visitalo ó sanatorio.

- Ti, que eras forte como un buxo; nin sequera pisaras a consulta do médico... ¿qué foi o que che pasou?

Contestoulle cun fío de aire incapaz de apagar a feble luz dunha candea:

- Esta mala becha que me roe as entrañas non é miña, compañeiro, éche de contrabando.
 
Serafín Parcero