lunes, 21 de marzo de 2016

Certame de microrrelatos. 6ª ed. (2008)


1. Gañadora: Victoria Lojo
Relato: U.S.A.D.O.

2. Accésits:
Xosé Alfredo Naz, Sete
Juan Zamora, Sen título

3. Palabra: nasa


----------------------------------------------------------------------------------------------------


RELATO GAÑADOR:

U.S.A.D.O.

Cando nasa, botareino o aire para que se vaia afasendo. Non deixarei que o vistan de
mexeriqueiro, nada de lasadas nin de encaixes. Traxes enteiros, busos desde a cabeza
ós pés. Cando nasa, xa me encargharei eu de mercarlle axóuxeres con formas de sol e
de lúa. Peghareille no teito da habitasión, enriba do berce, estreliñas de cores que
brillan cá escuridade. Cando nasa, nada de darlle a teta que non se sabe si come ou
non. Comida da farmasia, esa é boa, botes coas calorías e as proteínas ben contadas, as
ghraxas para os que non terán que loitar coa ghravidade.
Aprenderá a nadar e a aboiar. Tan pronto nasa, tense que afaser a vivir sen osixeno.
Desenvolverse flotando, aínda que sexa na augha, é o importante. Ghatear que
ghateen os ghatos. Seralle mellor coñeser as estrelas, as constelasións, os planetas e os
satélites que os números e as letras. Contareille contos de viaxes ó funil dos buratos
negros. Contando nove meses desde hoxe, naserá en xullo do 2009, corenta anos
despois do paseo polo mar da tranquilidade. Votádeme outra copa, aproveitando a
voda de seu pai, voume pór de pé para brindar polo futuro do meu futuro neto na
                                                      
                                                                                                               Victoria Lojo
-------------------------------------------------------------------------------------------------------
AACÉSIT:

N.A.S.A.

El non lansará nasas ó mar coma min. Lansará Apolos o espasio. CHIN CHIN

                                                                                                                Juan Zamora
                                                                                                               

Certame de microrrelatos. 5ª ed. (2007)


1. Gañador: Ramón Torreiro
Relato: O santo de pau
2. Accésits:
Roberto López; Relato: Contacto extrasensorial coa natureza
Antonio Pichel; Relato: P. agarda
3. Palabra: toxo
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR:
O santo de pau
As croantas eran as encargadas do coidado do Santo. Tódolos anos facíanlle rogativas.
Antes de mirar raiar o sol oíase o cántico repetitivo e lento:
San Salvador, te rogamos audinos, Santa Catarina, te rogamos audinos, te rogamos
audinos.
Aquel ano a seca fora tanta que as Croantas foron en procesión ao río para mollarlle os
pés ao Santo (avogoso das intemperanzas atmosféricas) o derradeiro día da rogativa.
O remedio operou decontado. Aínda non lle meteran os pés no río, armouse tal
treboada que a iauga caía do ceo a candas e mesmo parecía que era de noite. Casilda, a
máis vella das Croantas, aínda vendo que a iauga era moita, terqueou en mollarlle os
pés ao santo para que o problema quedase solucionado para tempo. Daquela a
arroiada foi tan forte que a Croanta e mailo Santo marcharon polo río abaixo. O santo
era de pau e aboiaba, pero a vella Croanta foise ao fondo e afogou.
Apañaron o santo pero a ela tardaron algúns días en atopala. Fixéronlle secas ao río,
puxeron trasmallos para que caese coma unha troita vella, atoárono con carros de
toxo... Todo foi inútil, a vella apareceu inchada, barriga arriba, na balsa do muíño dos
Caneiros. O enterro, con moitos cregos, foi na capela. O santo presidía fachendoso o
recinto sacro.
Cando xa sacaban o cadaleito para darlle terra, unha das irmás berrou:
Ai! San Salvador, San Salvador. Aquí só se salva quen nada mellor.
                                                                                                                              
                                                                                                           Ramón Torreiro

Certame de microrrelatos. 4ª ed. (2006)


1. Gañadora: Inmaculada Iglesias
Relato: Dúbida
2. Accésits:
Jorge García-Valenciano; Relato: O debate
Pablo Pardavila; Relato: Familia rota
3. Palabra: croque
-----------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR:
Dúbida
Contáranlle que era sinxelo: facer estoura-la flor man contra man e xa estaba feito, un
esquimó menos. Pero non o vía nada claro, por iso camiñaba nervioso entre os croques
sobre a herba con restos de choiva, as mans metidas nos petos, ben afastadas das
armas criminais que se erguían soberbias o seu redor: campaíñas violetas a primeira
vista inofensivas e ata fermosas que agochaban no seu seo o poder da vida e da morte.
Tal vez o Antón estaba equivocado e se rebentaba unha daquelas campaíñas non
pasaría nada... total, aquilo era unha parvada, ¿cómo ía morrer un home, aínda que
fora un esquimó?. Nin sequera tiña moi claro iso dos esquimós, cría que os vira
algunha vez na televisión vestidos con abrigos moi gordos, rodeados de neve branca
branca... igual xa se extinguiran, ¡igual nin existían! Seu pai nunca falara de esquimós,
así que... faltaba pouco para que o sol o deixara só, tiña pouco tempo... De súpeto
avanzou, arrancou, seleccionou e silenciou coa tremente man dereita unha fermosa
campaíña; separou as mans lentamente coa mirada petrificada: ía facelo, ía facelo...
                                                                                                   
                                                                                                        Inmaculada Iglesias

Certame de microrrelatos. 3ª ed. (2005)


1. Gañador: Valentín Alvite
Relato: Batea

2. Accésits:

Francisco Castiñeira; Relato: S.O.S.
María Fernanda Ampuero; Relato: Ben sei

Mencións:

Elena Dopico; Relato: Tan preto
Ramón Coira; Relato: A dúbida do Rei Arturo
Félix Cid; Relato: Unha cama no medio do mar
José Manuel Armesto; Relato: Meigos de carne e óso, Antón

3. Palabra: batea

---------------------------------------------------------------------------------------------------------


RELATO GAÑADOR:


Batea

Eu tiña só dezaseis anos. A señora Sara, cunha bacía á cabeza, vendía peixe polas portas. Un día, enfermou e veu a filla, Ana, unha mociña que semellaba traer o mar nos seus ollos. Ese día, cunha maldade infinita, desexei que a señora Sara non curase nunca.

Pola festa de San Pedro, pedinlle a Ana para bailar unha cumbia.

"Mira como se menea... el agua en la batea"

Pero Ana tiña un problema: seu pai. Ruín e atravesado, ademáis de criar gando, vivía do máis cruel dos oficios: o de capador. Un día quedei con ela e sentamos no cuberto situado en fronte da súa casa. Era unha noite de agosto; a brisa traía un son distante de orquestra.

"Mira como se menea...el agua en la batea"

A medianoite, apagouse a luz da cociña e acendeuse a do sobrado. Agarimei a Ana e esvaramos sobre un feixe de herba alí estendido. Sentín entón, como o meu corpo comezaba a dilatarse. De repente, un berro, un brado estremecedor que fendeu o sosego da aldea! Viña o capador ás alancadas, armado cunha galleta!

-Cálmese! Vou casar coa súa filla! -implorei, acurralado.

E a min que me dis! Estragáchesme a herba toda! Que lle dou de comer agora ás vacas?

Valentín Alvite

Certame de microrrelatos. 2ª ed. (2004)


1.Gañador: Serafín Parcero

Relato: Contrabando

2.Accésits:

Xosé Manuel Pazos; Relato: Meniño da guerra

Jesús Bahamonde; Relato: Defecto bolboreta,

Mencións:

Xan Rodiño; Relato: O vello sen mar

Manuel Ángel Menduíña; Relato: Área de descanso

Rafael Costas; Relato: Tempos modernos

3. Palabra: peaxe

…………………………………………………………………………………………………..

RELATO GAÑADOR:

Contrabando


Na primeira hora da mañá a néboa era tan mesta que se confundía co bafo quente que deitaba nas súas mans despois de fregalas enerxicamente, para que lle entraran en calor. Pensara volver para a casa, ó refuxio das sabas aínda quentes, cando unha brisa livián inzou na súa aba á brétema e foi levándoa dentro da ría, onda á ponte da peaxe. Así que armou os remos e vogou cara ó Arroás. Non acadara as primeira bateas cando albiscou algo entre as esvaecidas nubes que se resistían en deixar de bica-lo mar: unha planadora de poliéster, empurrada polo sudoeste e as correntes, loitaba por fuxir das cordas do mexillón que a ían enleando cada vez máis, contra da súa vontade fuxidía. Ó se agachar comprobou que estaba cargada de caixas de tabaco americano. Fondeou a planadora no seu morto e deixouse caer polo cuartel da Garda Civil. O comandante do posto felicitouno e anuncioulle que pronto Facenda lle ingresaría unha parte do valor do cargamento. De Facenda nunca máis volveu a saber, máis iso si, fumou gratis o resto da súa vida.

Anos despois, un cancro de pulmón, sen avisos nin reparos, converteuno nun fol de ósos e pelellos. O Paletas, amigo da nenez, moceo, servicio militar e frías noites na ardora, foi visitalo ó sanatorio.

- Ti, que eras forte como un buxo; nin sequera pisaras a consulta do médico... ¿qué foi o que che pasou?

Contestoulle cun fío de aire incapaz de apagar a feble luz dunha candea:

- Esta mala becha que me roe as entrañas non é miña, compañeiro, éche de contrabando.
 
Serafín Parcero

Certame de microrrelatos. 1ª ed. (2003)


1. Gañador: Adolfo Caamaño

Relato: Subsidio

2.Accésits:

Claudia Castro; Relato: Retrato dunha muda
Manuel González; Relato: Seino

Mencións:

Jorge García-Valenciano; Relato: Vida de peixe
Eduardo Suárez; Relato: O encontro
Félix Cid; Relato: Na lonxa
Marcos González; Relato: Robalisa
Emma Pedreira; Relato: Tan de lonxe

3. Palabra: lonxa
………………………………………………………………………………………………………

RELATO GAÑADOR

Subsidio

Debeu ser alá por finais dos sesenta. Cando entrei e vin ao vello Paquiño O
Tolleito só e debruzado sobre unha mesa da taberna de Saladina, pensei que,
como cada noite, xa debía estar borracho. O vendaval prendera os barcos a
porto. Non habería descargas de peixe. O Tolleito non tería caixas que
arrastrar. Podería beber tranquilo, só, na lonxa dos seus pensamentos.
Na mesa do lado xogaban ao dominó catro mariñeiros, xa con algúns anos ao
lombo. Entre chico e chico comentaban a sorte que tivera un deles, tío do
secretario da Irmandade Sindical. Por mor dunha doenza nunha perna que
lle deixou algo da coxeira, empezara a cobrar o subsidio. A intermitente
conversa foi derivando en discusión sobre as ventaxes da recén estreada
Seguridad Social.
Entraba xente a facer a partida. Saían do invernío da noite coma espectros
mollados que, só unha vez desprendidos das húmidas prendas, recuperaban
o rostro humano. Chiquitas e grapas de xastreu. Manises, arenques e rachas
de bacallau salgado para tirar do viño. Como un navío de xordos ruídos, na
atmósfera tabernaria pairou o monótono vociferio dos envites guerreiros no
truco e o tormentoso petar de arrastres e peches de dominó.
Paquiño O Tolleito, nun repente, ergueu a testa da mesa. Sen dirixirse en
concreto a ningún dos presentes, coma nun sucinto monólogo de heroe
grego, alzou a ronca, humanamente, a voz digna e humilde dos que se saben
doregados, raptados polo Fado. E sobre o ceo indiferente da vella taberna,
xa liberada a súa palabra pola borracheira, o xornaleiro tolleito ceibou o seu
máis lúcido envido: “O peor é ter saúde” –dixo.


                                                                                      Adolfo Caamaño

martes, 9 de febrero de 2016

Tertulia literaria: "Cabalos e lobos", con Fran P. Lorenzo




O día 11 de marzo, ás 9 da noite, na Biblioteca Pública de Moaña (Quintela). Contaremos coa presenza do autor