martes, 6 de septiembre de 2016

Próxima tertulia literaria






 Querido H.P. Lovecraft, de Antonio M. Fraga Allegue


Será o 30 de setembro a partir das 21:00 horas na Biblioteca Pública de Moaña (Quintela)

Contaremos coa presenza do autor, coma sempre...

Bases do 14º Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria


jueves, 18 de agosto de 2016

Ruído de trens. Eduard Velasco



Ruído de trens

(Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 29 de abril de 2016)




Encontrámonos con Eduard Velasco o pasado 29 de abril entre libros amontoados que repasou devagar. Acode onda nós para falarmos do seu libro Ruído de trens (Espiral Maior, 2015), Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene no 2014.

Para este barcelonés afincado en Galicia desde o 2006 non é o seu primeiro contacto coas letras galegas. Colaborador desde hai tempo en medios como Vieiros, A Peneira, Luzes, Sermos Galicia ou A micro pechado (boletín editado por Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña) traballou igualmente no ILG e na Universidade de Lisboa en diferentes momentos. No mesmo 2014 foi gañador do III Certame Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo con Mentres o tacto.

Con todo, é o seu coñecemento de ambas as culturas (é licenciado en filoloxía catalá e galega) e o interese en difundilas nun territorio diferente ao propio o que propiciou a súa faceta de tradutor entre ambas as linguas. Títulos como Pan negro ou As valgadas bravas (do catalán para o galego) ou Corpo de mudanzas, O peso do meu sexo ou O porco de pé (do galego para o catalán) dan conta desta produción así como a publicación dunha escolla de textos de diferentes autores galegos e cataláns que veu a luz baixo o título De Fisterra ao Cap de Creus.

Ruído de trens, a obra recomendada, preséntase cunha estimulante capa laranxa que enmarca unha foto moi escura dunha ventá. “Esta foto, comenta, tomeina nunha noite de insomnio na casa dun amigo meu na Pobra de Brollón. Varios amigos axudámoslle a reabrir a casa dos seus avós que levaba máis dunha década parada. Esa restauración na que colaboramos formou parte dun (meu) proxecto que deu lugar á exposición fotográfica “A casa de Cereixa”.”

“O cuarto no que eu durmía, ao fondo do corredor, tiña esa ventá que daba á estrada pola que circulaban os camións do leite a cada tanto. Cada vez que un pasaba tremía o cuarto todo e os faros iluminaban uns momentos a ventá. Era como unha cámara escura na que, de cando en vez, aparecía unha luz. Nese cuarto pasei moitas noites sempre co ruído dos camións estremecendo os cristais.”

“O Premio Leiras Pulpeiro foi o inicio deste libro”, deriva o autor. “A súa xénese estivo aí. No tempo que me deron para revisalo madurei, retoquei, amplifiquei algunhas cousas e decidín presentar estoutro poemario ao Pérez Parallé e resultou gañador.”

“Se Ruído non tivese gañado ese premio non tería acadado tanta difusión. O libro gusta, tivo boas críticas, presentacións con éxito, moita repercusión… Todo estupendo. Se acaso, botei en falta críticas negativas porque o libro non é homoxéneo e non pasaría nada se alguén o dixese. A min gústame, por exemplo, o tipo de crítica que fai Isaac Lourido (que redacta o prólogo) que fala sobre a contribución de cada obra ao sistema literario galego”.

“Ao Parallé nese ano presentáronse 50 orixinais e déronme a min o premio. Agradecino moito, claro. A min os dous premios viñéronme moi ben. Se escribes do que che gusta e che dan un premio, pois estupendo. Pero os premios hai que relativizalos porque, aínda sendo a mesma obra, podería ser outro o resultado”.

As críticas das que fala o autor aluden, entre outras, a unha “poesía directa e sinxela con reflexión tenra, (…), breve e livián como a posmodernidade, (…), con nostalxia do lugar e reconforto do amor, (…) ou reflexión metaliteraria e consciencia da técnica” (Vicente Araguas no Diario de Ferrol do 20.09.15) ou a de Isaac Lourido que alude (no prólogo) a unha poesía “estimulante (…) que apresenta sugestivos desafios para que a poesia galega continúe a pensar sobre a linguagem, as vozes, os corpos, os trânsitos e as pertenças”.

En todo caso, na sala coincídese na accesibilidade do texto, na súa narratividade que alterna con pinceladas dun momento efémero e a abundancia de sinestesias e imaxes sensoriais (o silencio da calor, ruído de trens cos que me tapo, cheiro de canela só pola forma, a sombra do xantar…). O autor matiza estas palabras: “na miña poesía sempre hai unha intención de transparencia pero, á vez, busco deixar algo de veladura, que algunhas cousas apenas se poidan entrever”.

“Na poesía temos tendencia a querelo entender todo pero eu concordo con Pere Gimferrer en que a poesía hai que mirala como un cadro, como un solpor, como unha obra de arte sen querela entender necesariamente. Só deixarse levar por ela”. Neste sentido coméntase a emoción que espertan algúns poemas porque “o libro é máis complexo do que se di”.

Ruído comeza cun poema introdutorio a modo de confesión: “Eu quería escribir sobre o lugar/ da pedra das paredes/ do que me liga á aldea que non teño/ da casa á que non hei volver.(…) Pois non: resulta que escribo do amor a estas alturas (..). Vai haber que o asumir”. O propio autor comenta que “ese poema púxeno case como unha desculpa: se fago o ridículo xa o asumo porque a min non me gusta a poesía amorosa, sempre me pareceu “cursi” e resulta que cando me poño a escribir é o que me sae, que non era o que tiña na cabeza. Aínda que nesta altura xa non estou tan seguro de que sexa poesía de amor.”

Amor, coméntase, pero que liga erotismo e morte en ocasións (“E non sei/ se coa morte aos pés da cama ela lembraba/ que o seu ser dorido e acorado/ foi porta aberta ao gozo e á humidade…”), que aparece como man que ordena o mundo e reconforta (“… E en noites nas que se me fai pesadelo a treboada (…) acordo en sobresalto na suor e fáiseme abisal a falta das súas mans,/ do tacto que sanda todo mal/ e que me devolvería o sosego…”) ou sinxelamente formando parte dunha comunidade de afectos (“Cargamos ben o coche de sosego/ e fomos devagar gozando sen correr/ da paisaxe tranquila na amizade”).

Amais, engádese, “percíbese certa sensación de desarraigo, de importancia do lugar” (… aldea que non teño/… casa á que non hei volver) que é ratificada polo autor: “Des que era pequeno e ía á escola en Cornellá lembro os comentarios dos meus compañeiros á volta das vacacións de verán. Todos tiñan unha aldea, un lugar ao que volver e do que contaban marabillas. Eu non. A miña familia era toda de Barcelona e incluso a miña bisavoa, que era de Murcia, nunca regresou alá. Así que a min quedoume certa nostalxia do lugar, certa sensación de non ser de ningún sitio. De aí esta importancia”.

A memoria (“todas as peles que forman a memoria”) ten unha gran peso no libro, continúase. O poeta actúa a xeito de “cronista dunha historia con ausencias” (versos de Helena de Carlos), no que as lembranzas de momentos efémeros (o paso do tren, o corte dun dedo) e non tan efémeros (a cea de fígado de bacallau cuns amigos, a morte da avoa) quedan rexistrados. O autor remacha: “o libro é un resumo dun ano no que percorrín corpos e lugares e dos que quixen gardar a memoria.”

“Esta é unha poesía con pouco ruído e moito ritmo”, séguese a dicir. Eduard Velasco ratifícao: “Eu creo que o ritmo é moi importante. E non só en poesía senón en calquera texto. De aí que procure coidalo pero tamén me paro na métrica e na palabra exacta”. Se ben nesta última existe un labor de depuración importante na busca do termo máis acaído, na métrica a alternancia entre verso libre e hendecasílabo obedece a unha expresión máis apaixonada ou máis serena respectivamente, segundo conta.

“Barcelona, deriva, é un lugar excepcional para estudar a lingua galega. Eu estudei filoloxía catalá e cuns poucos créditos máis podía completar filoloxía galega e así o fixen. Pero, claro, despois comeceime a interesar pola súa literatura, pola súa cultura… e fóiseme das mans”.

“Hai máis xente en Cataluña que estuda a lingua galega, ben porque teñen antecedentes galegos, ben porque se interesan por outra lingua que non é moi difícil. Ademais, en Barcelona hai moitas actividades sobre a cultura galega, das máis básicas realizadas por asociacións como foliadas ou magostos ata as organizadas polas universidades como conferencias, encontros ou recitais. Hai moita variedade e moita presenza da cultura galega na cidade”.

“Nesta tarefa tivo unha especial relevancia a profesora universitaria Sabela Labraña que fundou o proxecto Galanda e o deu a coñecer nos institutos. Tratábase de realizar intercambios entre institutos galegos e cataláns para que o seu alumnado coñecese unha realidade cultural que ignoraba. Programábanse visitas, actividades lúdicas, culturais, recepcións por parte de autoridades autonómicas… Era unha experiencia que creaba conciencia multicultural e daba a coñecer unha realidade da que nada se sabía.

“España, continúa, actúa de filtro da conformación das identidades das outras realidades culturais. Non nos coñecemos directamente senón coa intermediación da cultura española que nos impón a súa visión. Aínda que no territorio español existen varias culturas superpostas, a castelá afoga as demais, que se ignoran ou que posúen información interferida. Os medios de comunicación en Galicia tampouco axudan porque cando falan de Cataluña é para demonizala ou deostala pese a que en Galicia se sente certa admiración por ela, á que se ten como un referente. En Cataluña, en cambio, ignórase todo o que acontece en Galicia, pola que non se sente o menor interese”.

“Este feito, por exemplo, reflíctese nas traducións. Proporcionalmente, a tradución da literatura galega para o catalán é moito máis insignificante ca ao revés. E a calidade desta non sempre é boa. Ás veces, hai problemas porque a xente que traduce non fala a lingua e isto nótase. Unha tradución literaria é moi laboriosa e, sen ser máis ca unha proposta porque tamén é creación literaria, hai que ter en conta que non se traduce dunha lingua senón dunha cultura”.

“Pan negro, a primeira obra que traducín, hoxe míroa con moitos erros. Estou moi agradecido ao editor por terme dado a oportunidade de facela pero hoxe en día paréceme moi mellorable. Eu evolucionei, teño un maior coñecemento do galego, da súa cultura… De facela agora, a tradución gañaría”.

En Ruído de trens, a modo de introdución, os versos de Lupe Gómez abren o texto cunha invitación prometedora: “Se algún día queres/ escapar no camión,/ eu estarei esperándote/ na fronteira”. E nós apuntámonos á viaxe acompañándoo a través da memoria, do desarraigo, dos afectos, do erotismo… Aínda que no remate do libro a proposta quede matizada, “Só espero que haxa/ camións/ na fronteira”, nós animámolo a cruzar. Nós animálolo a cruzar fronteiras, a difundir culturas e a facernos partícipes. Por se os hai.





Soledad Ríos Santomé




lunes, 13 de junio de 2016

Entrevista a Iria Collazo



En Tirán, no mesmo contorno inspirador da novela Como unha áncora, entrevistamos a Iria Collazo na presentación do seu libro na parroquia. Na obra, que esgotou xa a súa 2ª edición, aparecen personaxes, feitos e lendas que poderían formar parte da historia das xentes de Tirán pero que tamén poderían formar parte dos habitantes de calquera outro lugar de Galicia.

Na xénese deste libro está un intento, por parte da autora, de falar dun naufraxio histórico en Moaña, o Ave del Mar, que sementou a desgraza en moitos fogares, pero tamén de dotar de voz aos desposuídos, á xente humilde e aos perdedores da Guerra Civil. É a súa persoal homenaxe a toda esa xente e á súa propia bisavoa Jesusa, muller do alcalde republicano, que padeceu a persecución constante dos falanxistas e de todo tipo de humillacións.



1.- A túa novela fala dun naufraxio, o Arao do Mar nas Illas Sicas, a través da historia dos seus protagonistas. Por que elixiches esa temática?

Levo vivindo en Moaña desde que teño sete anos (nacín no concello de Barro, en Pontevedra) e aínda hoxe a visión do mar provoca en min profundas sensacións. O mar é unha vía de escape, é un horizonte. Para min estar rodeada de terra é coma estar náufraga, ou polo menos iso é o que sinto dun xeito inconsciente. Da ambivalencia do mar como doador de vida e de morte quixen falar nesta obra. A primeira vez que me contaron a historia do naufraxio do Ave del Mar foi sendo eu aínda unha nena recén chegada a Moaña O impacto que provocou en min esa historia permanece hoxe en día, e quixen facer unha homenaxe a eses traballadores do mar e ás súas familias, á veciñanza de Moaña que aínda se estremece ao recordar aquel naufraxio.

2.- O espazo no que se sitúa a novela é Tirán. Cal foi a razón desa elección?

Creo que a infancia é o noso refuxio, o vivido na infancia sempre vai ser o que provoque en nós as máis lúcidas e profundas sensacións... Tirán é un lugar dunha beleza sobrecolledora, e parécemo desde que cando era nena e adolescente paseaba polos seus carreiros, ía ao Niño do Corvo, subía ao monte do Castro ou miraba o mar desde o adro da igrexa. Coido que non lle ten nada que envexar a lugares das costas gregas, italianas ou croatas.

3.- A acción está sustentada por uns personaxes protagonistas amais dunha manchea de secundarios que se identifican coas xentes que habitaban calquera aldea mariñeira da nosa xeografía. Non obstante, resérvaslle un papel moi especial á cega...

Coido que o personaxe d'A Cegha é un dos máis traballados e téñolle un cariño especial. Ademais de servirme para representar a forza e o traballo inhumano que realizaron as mulleres na posguerra, teño que dicir que siña Amalia baséase nunha persoa que existiu realmente, que foi a miña bisavoa Jesusa. Ela foi a muller do derradeiro alcalde da República en Barro e sufriu na súa pel as humillacións e o agravio por parte dos falanxistas. Da historia de orgullo e dignidade da miña bisavoa e de tantas outras mulleres ás que a barbarie do franquismo calou á forza quixen formar parte neste libro.

4.- A través do punto de vista pódese apreciar un posicionamento claro cos desfavorecidos, coa xente humilde e traballadora e tamén cos perdedores da Guerra Civil. Sobre esta última incorporas un episodio especialmente duro no que non escatimas detalles. Por que esta narración tan explícita?

No libro intento devolverlles, na medida das miñas posibilidades, a voz roubada das mulleres e homes que viviron a persecución no franquismo. Ese capítulo é unha denuncia. Pretendeu ser un golpe directo ao corazón de quen o le.

5.- Sitúas a acción nun tempo determinado (a posguerra). O tempo foi consecuencia directa das eleccións anteriores ou, se acaso, había intención de retratar as xentes e a sociedade de entón?


O tempo foi consecuencia das dúas eleccións anteriores e intentei que a ambientación da historia fose o máis verosímil posible. Tendo en conta que eu non vivín esa época triste da nosa historia recente, baseeime sobre todo en relatos dos meus pais, tíos e avós. Por exemplo, a historia de Manuel morrendo co frío na escola ten un parecido máis que razoable coa infancia do meu pai; e as cartas de María desde Ludwisghafen tamén se semellan moito ás que miña nai tiña que escribir desde a emigración, sendo só unha adolescente.

6.- Con todo, a novela ten un punto fantástico, máxico un tanto sorprendente entre tanto realismo. Quixeches explicar esas crenzas ancestrais de episodios inexplicables racionalmente que se dan en Galicia?

Eu quixen escribir literatura fantástica, porque realmente é a literatura que a min máis me gusta ler. Con literatura fantástica inclúo aqueles libros que recollen todos eses feitos marabillosos cos que nos atopamos diariamente: casualidades sorprendentes ou encontros inesperados, reaccións inexplicables e misterios que non serán nunca desvelados. están á orde do día na literatura, e tamén na vida cotiá. Pero tamén son consciente da tradición milenaria da terra en que vivimos, pragada de lendas de mouras, pozos, e monstros mariños. Na novela fago referencia a algunhas delas, coma a da Lontra de Tirán.

7.- E falo cun punto de vista moi cinematográfico, moi visual. Ti tamén te consideras debedora do cine no que narras?
Quen escriba saberá que bebemos de todo o que nos rodea. E o cine e a televisión son moi inspiradores, ademais de outras obras literarias e do día a día, das relacións interpersoais, do que vemos e falamos. Moita xente me ten dito que hai algúns capítulos que son fortemente visuais, como por exemplo o capítulo inicial.

8.- Despois de todo, podemos falar tamén de que en toda a novela existe un trasfondo de amor moi claro. Eras consciente do seu peso na narración?
O amor éo todo, sigo crendo que é o amor o que move realmente o mundo, e non só os cartos ou o interese persoal. Chamádeme utópica, pero así o penso. Toda esta historia vén sendo, finalmente e desde a súa orixe, unha historia de amor entre dúas persoas que nace e medra con elas.

9.- Tes entre mans algún outro libro? E se é así, cando o vas publicar?
Estou a punto de publicar o meu 2º libro por volta do verán. Como unha áncora vai xa na 2ª edición e comeza a ser lectura recomendada nos institutos. Este segundo é máis fantástico pero espero que tamén guste.


 

lunes, 2 de mayo de 2016

Próxima tertulia literaria



                                                                       




A próxima tertulia será con Vanesa Sotelo e o seu libro  Nome: Bonita, unha obra de teatro.
O día 27 de maio ás 21:00 horas na Biblioteca Pública Municipal de Moaña (Quintela)

Vivir á intemperie (ou Cabalos e lobos) / por Soledad Ríos Santomé


     
    FRAN P. LORENZO

Cabalos e lobos

(Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 11 de marzo de 2016)





 

A cita con Fran P. Lorenzo foi o pasado 11 de marzo, nunha tarde que preludiaba a primavera que xa botamos en falta. A novela da que imos falar é Cabalos e lobos (Xerais 2015), a estrea editorial deste xornalista con longa experiencia nos medios que comezou en Galicia Hoxe e O Correo Galego nos seus primeiros tempos, participou na posta en marcha do extinto Dioivo máis tarde e traballa na actualidade en El Correo Gallego. A linguaxe xornalística á que está habituado afástase un tanto da deste relato, cun forte compoñente histórico que se achega máis ás súas teimas persoais.

“Quería sacar esa historia e todo foi unha sorpresa, a boa acollida, o premio…”, comeza dicindo o autor, en referencia ao Premio Blanco Amor de Novela Longa 2014 co que se galardoou o seu relato e á boa recepción que está a ter (3ª edición nesta altura). “Este é o primeiro libro que escribo, o primeiro que publico e o relato gusta. Non teño queixa”.

“Levaba máis de 20 anos con esas historias roldándome a cabeza e non foi ata hai catro anos cando atopei a estrutura na que encaixasen nunha única as diferentes historias que eu quería contar”. Esa estrutura, ese vértice de confluencia, é o edificio Albo [na Gran Vía nº 2]. “Eu quería falar da historia de Vigo, contar cousas da miña cidade que non son tópicas, que sorprendan incluso aos autóctonos por descoñecidas, e centrei o relato nesa edificación porque é un símbolo, un contedor no que conflúen o plano histórico, o íntimo e o da cidade”.

Entre eses datos descoñecidos está o medre exponencial de Vigo nos anos 20 ou 30 [do século XX], o seu cosmopolitismo, a sensación de progreso infinito de entón, o asentamento dunha colonia alemá cun gran status e influencia local, o tránsito e o comercio coa Alemaña nazi, as folgas do 72…

O labor previo de documentación foi demorado e exhaustivo. “A min a historia de Vigo sempre me interesou pero quixen afondar nela e cheguei a manexar tal cantidade de datos que, xunto coa miña obsesión polos detalles, corría o risco de non deixar avanzar a trama. E esta información tiña que ser transversal á historia. Non era o que eu quería contar”. E o contexto histórico, coincidimos na sala, está construído con moito respecto.

Con estes vimbios Fran P. Lorenzo decide acometer unha urdime de realidade e ficción na que, ratifica, “se garda especial fidelidade ao contexto histórico. Non obstante, non existiu ningunha familia Beckmann. Algunha que si se lle semellaba pero os personaxes están construídos en función do que eu quería narrar”.

Nesa historia do século XX que reflicte quixo facer especial fincapé nas guerras que o atravesaron (as dúas guerras mundiais e a Guerra Civil española) a través da traxectoria dos Beckmann incorporando ao relato outras cuestións que forman parte das súas preocupacións vitais: o amor, a represión, a liberdade… e o espazo “porque eu quería que a cidade fose un personaxe con tanto peso como os demais”.

“A miña foi unha escrita pausada pero firme. Tardei catro anos en rematar a novela porque para min o difícil foi atopar a estrutura pero, unha vez decidida, comecei na páxina 1 e rematei na 190, todo de corrido. Tamén debín depurar moito o estilo. Eu son moi barroco redactando pero busquei unha narración fluída, accesible, que chegase a canta máis xente, mellor”.

Para acadar esta conexión co público optou pola primeira persoa (Paula na primeira e terceira parte do libro; Álvaro, na segunda) nun ton tremendamente emocional, comentáse na tertulia. O autor explica: “Eu quería que a historia fose contada por unha persoa allea, dunha familia alemá, instruída, cunha posición social alta… Isto dábame opción a poder narrar con distancia certos feitos e a introducir referencias culturais que doutro xeito serían pouco cribles. Incorporei tamén episodios persoais como o de escoitar a radio nun armario ou inspirarme na miña familia para algúns personaxes, como Delfina”.

“Por outra parte, a elección de Paula como protagonista vén dada porque eu pretendo que sexa ela a que nos acompañe a través da narración e que esta historia se viva como un proceso de descuberta. Nós non sabemos máis ca ela. Isto é moi evidente no episodio da carta. Os lectores asistimos a unha revelación a canda ela”.

Amais, desexaba deixar constancia do peso do espazo neste personaxe, de como a inflúe porque “Paula se sente como parte da cidade, como a min tamén me pasa. Eu creo que cada persoa é diferente segundo o lugar no que vive porque os espazos nos habitan á vez que nós habitamos os espazos”, afirma.

E, espalladas por todo o relato, existen mencións constantes á música de xeito que sería posible elaborar unha listaxe da novela, coméntase. O capítulo XI onde se detalla a venda do piano está narrado como unha ópera (Ópera nun acto) e as referencias á música clásica (Schubert, Debussy, Bach, Beethoven…) son reiteradas. A impresionante Margarita na roca de Schubert, a canción que interpreta Gloria ao piano e que se reproduce na sala, é a elixida tamén para o seu primeiro book teaser da novela, ao igual que Starman de Dawid Bowie, unha das poucas referencias á música moderna, que o autor reserva para acompañar o book teaser nº 4 xunto coas imaxes das folgas en Vigo de 1972. “Eu escribía con música de jazz dos anos 20, comenta o autor, porque me axudaba a crear un ambiente propicio para a novela. E as escollas musicais non son casuais”.

Na sala, igualmente, incídese no forte compoñente visual da obra. O escritor aclara que “eu cando escribo penso en imaxes. A min gústame moito o cine americano dos anos 50 ou 60 e creo que isto se imprime na obra”. Quen sabe!, afírmase, quizais non tardando moito alguén se interese polo libro como materia para unha película.

Entre os espazos aludidos non se escamotea o retrato dalgúns pouco comúns: os ambientes sórdidos, portuarios, de marxinalidade sexual. “Sobre este ambiente de posguerra non hai nada escrito. Eu tiven que tirar de informacións familiares, de documentos… Non obstante, sabemos que isto pasou, que existiu e eu quería deixar constancia”. Fran P. Lorenzo quixo incidir especialmente na falta de normalidade á que estaba abocada a homosexualidade nese tempo. A historia de Álvaro e Bruno está pexada pola lei [de vagos e delincuentes] que penalizaba este comportamento e os abocaba ao ocultamento e á clandestinidade. “E o verdadeiro drama, o máis duro da represión, é impedirlles ás persoas poder sequera imaxinar outra vida. Por iso Álvaro deixa pasar a oportunidade de vivir plenamente con Bruno. É a súa oportunidade perdida”. E por iso mesmo el quixo sacala á luz, dotala de relevancia e pór o amor entre os dous homes en pé de igualdade ca o dos demais.

“Estamos ante unha novela moi reflexiva”, engádese. “Non sería posible redactar algo así sen certo pouso vital, certa madurez”, afirmacións coas que concorda o autor.

Frases como “Quenquera que tirou esta imaxe logrou capturar o intre dunha ficción suprema: a dun grupo humano que escapa ao seu destino…” ou “A perda viaxa en tren, niso a vida imita as películas” son ilustrativas deste aspecto.

Os personaxes, coa soa excepción de Bruno, no que se repara con detalle, carecen de descrición física, menciónase. Ademais, recluídos no silencio e nunha gran incomunicación, transmiten unha poderosa sensación de vulnerabilidade: a de Paula ao coñecer a súa posible enfermidade; a de Gloria ao saberse descuberta ao piano; a de Álvaro, pola súa condición de homosexual, e a do Thomas pola acusación de que é obxecto. “A vulnerabilidade, confesa o autor, espértame unha gran empatía e creo que é unha das sensacións máis duras da vida”. “Toda a miña existencia resúmese agora noutro empeño magnético: eludir o desamparo, afastalo de min e dos meus. (…), non sempre logrei os meus propósitos. Fracasei”, escribe o autor na voz da protagonista.

Os personaxes, continúase, manteñen un papel cambiante na trama. Desde a aparición fugaz dun instrumentado Pedro I o Conquistador ata a reaparición dun Ramón Costa que lle dá un xiro inusitado á trama, o peso acaba recaendo nas mulleres da familia: Paula e, especialmente, Gloria e Delfina, a criada, que son as que coñecen toda a historia. A esta última estalle reservado un papel esencial: a custodia da memoria e dalgúns obxectos que a transmiten.

Porque, segundo confesa Fran P. Lorenzo, os obxectos da novela son relevantes e presentan múltiples funcións. A primeira está relacionada co seu interese por retratar fielmente un espazo burgués, o que lle dedicou longo tempo e esforzo, (así acontece, por exemplo, co espello); a segunda ten que ver coa propia frase de Paula (tirada de Thomas Mann) de que a súa familia ten máis interese polos obxectos ca polas persoas e, por último, pola propia función que o autor lles reserva no relato: o de ser transmisores da memoria e das verdades.

Nesta última liña está a permanencia do documento coa denuncia de Ramón Costa en poder de Delfina e o episodio do colar que loce no concerto Úrsula, nai de Gloria. Esta xoia é o recordatorio da traizón aos xudeus Skov, pero tamén é testemuña da culpa que persegue a familia: “Case todo o que herdei da miña familia leva impresas dúas marcas de auga: a do medo e a da culpa”, menciona Paula.

Complementariamente a estas emocións tan devastadoras, o autor remata aludindo ás ausencias nas cidades, aos espazos un día habitados e logo desaparecidos ao se derrubaren certas edificacións. “Non quixen prescindir de mencionar que os lugares que habitabamos e que deixan de existir deixan cicatrices nas cidades. A alusión ao café Derby que remata o libro vai neste sentido. Un non pode crer que un edificio que sempre estivo aí un día xa non exista, como o Derby, como o colexio Cluny. Eu vivo esa perda como un shock.”

“Acabar o libro, ser capaz de contar a historia que eu quería, foi unha emoción moi grande para min. Eu, que son un gran amante da poesía, teño aquí os versos que non puiden facer. Nestas páxinas está o que eu son. E polo de agora non podo pensar en nada máis”.





Soledad Ríos Santomé


viernes, 15 de abril de 2016

María Xosé Queizán. A boneca de Blanco Amor / por Soledad Ríos Santomé

        

       Tertulia da Lonxa Literaria realizada o 15 de xaneiro de 2016


María Xosé Queizán é a invitada da tertulia do 15 de xaneiro de 2016, xusto despois do Nadal no que retomamos o pulso do novo ano. A obra obxecto desta tertulia é A boneca de Blanco Amor (Galaxia, 2014) que se presenta ao público cunha preciosa portada dun detalle do cadro de Gustav Klimt Retrato de Margaret Stonboroug-Wittgenstein, unha suxestiva tarxeta de presentación que, xa invita a unha aproximación.

A traxectoria desta autora, catedrática de lingua e literatura galegas, é longa e moi produtiva. Cuns comezos de adolescente no xornal vigués El Pueblo Gallego no que colaboraba, o seu amor polo teatro levouna a crear o Teatro de Arte e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo (1959), a fundar e dirixir o Teatro Popular Galego (1967 e 1968), así como a codirixir o grupo teatral Feministas Independentes Galegas alén da publicación de numerosas obras da súa autoría. O seu labor como escritora é enormemente prolífico e diverso abranguendo todo tipo de xéneros e estilos (conto, novela, ensaio, poesía, teatro, cine –un guión-) así como a tradución. Nesta altura conta no seu haber cunha nómina moi abondosa de títulos e recoñecementos entre os que se conta a homenaxe da Asociación de Escritores en Lingua Galega (en 1998) no que se lle outorga a letra E e se lle pon o seu nome a unha praza de Vigo onde se coloca unha pedra de granito rosa cun poema seu (logo desaparecida).

Mais, á parte da súa produción literaria, Mª Xosé Queizán conta con grandes contribucións á sociedade do seu tempo. Algunhas destas achegas supuxeron innovacións que sentaron precedentes inauditos no panorama do momento. Entre estas figura a dirección da revista A Festa da Palabra Silenciada, definida (na súa páxina web) como “unha revista de cultura, producida por Feministas Independentes Galegas” que buscou desde a súa publicación nun afastado 1983 “sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento” ata “ir abranguendo unha panorámica do pensamento feminista sobre moi diversos aspectos da realidade e explorar a literatura do noso país incidindo na autoría feminina”. É de destacar a avultada nómina de colaboradoras (máis de 200) da revista que incidiu directamente no impulso da literatura feita por mulleres e na conformación dun espazo de difusión único naquel entón.


“A Festa supón un gran orgullo para min”, comenta a autora. “Durante máis de trinta anos editámola con continuidade e tesón pero pagou a pena o esforzo. Non hai nada comparable en toda España”. Os seus inicios producíronse nun momento no que as mulleres estaban totalmente silenciadas e non colaboraban nas revistas. “Parecía que non existían”. Dentro dos obxectivos que se propuxeron o primeiro foi sacar á luz as mulleres escritoras. “Comezamos con Rosalía de Castro. Era unha autora que estaba moi mitificada e moi mistificada e a abordaxe na Festa supuxo un antes e un despois no estudo desta autora.”. Continuaron con Francisca Herrera Garrido, a primeira que escribe unha novela en galego, con Xohana Torres, con Emilia Pardo Bazán… Pero se ben foi importante reivindicar a figura destas autoras, non o foi menos o crear un espazo de convivencia para publicaren as poetas máis consagradas (como Pura Vázquez) e as máis noveis (como Mª do Cebreiro ou Iolanda Castaño). Esta obrigada convivencia permitiu unha aprendizaxe e influencias mutuas moi frutíferas para os dous colectivos.

Aínda nestas contribucións figura tamén a organización do I Encontro de Mulleres Poetas Penisulares e das Illas (en 1996), realizado en Vigo co patrocinio do Concello. A partir dunha idea orixinal súa, o encontro buscou xuntar na cidade a poetas en seis linguas (galego, castelán, vasco, catalán, balear, portugués e canario), nunha iniciativa que, tras un resultado plenamente satisfactorio, se exportou a outras cidades (Barcelona, Madrid, Granada…) con algunhas modificacións sobre a orixe.

A dirección da colección As Literatas de Xerais, colección de literatura escrita por mulleres que permitiu traducir para o galego autoras pouco coñecidas (como Herta Müller), a inauguración da primeira galería de arte que houbo en Vigo, Rozaira, na que se expuxo un descoñecido (naquel entón) Luís Seoane e, a posteriori, os pintores máis importantes do momento; ou a tradución (que promoveu) para o galego d´O segundo sexo de Simone de Beavoir a cargo de Marga Rodríguez Marcuño, tamén forman parte desas contribucións.

Pero se a algún ámbito está moi ligada Mª Xosé Queizán é ao feminismo, que ocupa parte da nosa charla. “No ano 1975 comezamos a organizarnos en Vigo e logo en Santiago. Era un tempo no que estaba todo por facer: a despenalización do adulterio feminino, o divorcio, o aborto… Daquela conversábase, líase, cambiábanse libros, comprábanse… O intercambio mutuo formaba parte do momento. As feministas eran persoas formadas e politicamente moi ideoloxizadas. Pero isto racha cando chega o socialismo ao poder e toma a iniciativa lexislativa”. Aproban a lei de igualdade, a de violencia de xénero e deu a sensación de que xa estaba todo feito, así que, “unha vez conseguidas esas leis, resulta que nin se coñecen nin se reivindican”. 



Amais, con estes últimos gobernos conservadores a cousa foi a peor. “Produciuse unha involución na que se alude constantemente á familia reivindicando principios contrarios aos que leva defendendo o feminismo historicamente.” A evolución do movemento non a satisfai: “O feminismo foi un fracaso. Eu síntome fracasada. A instrumentalización sexual das mulleres é cada vez maior e experiméntano vez máis novas. Todo isto provoca moito sufrimento pero tamén moitos rendementos económicos”. Engade que se está a producir unha volta ao naturalismo, denunciada no seu libro Anti natura (Xerais, 2008). “O que había que abandonar é o que se está reivindicando” , pois cre que as grandes intentos que houbo para afastarse del non tiveron demasiado éxito. “O teito de cristal ten que romper nalgún momento. Cada vez hai máis mulleres médicas, fiscais, avogadas… e nos diferentes ámbitos da cultura de onde están desaparecidos os homes. E isto ten que ter consecuencias a curto ou medio prazo.” 


A charla deriva cara ao libro. “A boneca, comeza a autora, é unha novela moderna, porque mesturei varios xéneros e isto é novo. A estrutura formal non está improvisada senón que existiu unha formulación previa na que intercalei datos obxectivos con narración. Eu non só quería facer literatura de ficción senón introducir ensaio, crítica, narración histórica…”. Esta miscelánea na que se desdebuxan os lindes entre xéneros gábase na sala aludindo precisamente a ese contorno impreciso entre uns e outros que ten como consecuencia a incerteza sobre que é o histórico e que o ficcional.

“Eu quería que a novela saíse no XXXV cabodano da morte de Blanco Amor. A idea da redacción partiu dunha viaxe miña a Chile, a Punta Arenas, que me impresionou. Nesa cidade mirei nunha casa unha boneca a tamaño natural, posiblemente de Sara Braun, que sobresae ao lado dun piano e que ben podía ter sido a que describe Blanco Amor n´A Esmorga, así que nese momento decidín escribir este relato”.

Na base desta afirmación está a visita que este autor realizou a ese país e sobre a que escribiu en Chile a la vista. “Chegou a afirmar que Chile non é un país senón un vicio, expresión coa que eu concordo. En todo caso, eu tiven a certeza de que el tamén mirara a boneca de Punta Arenas e que podía ter sido a que inspirou a da galería do pazo dos Andrada d´A Esmorga, así que resolvín completar a súa historia nunha sorte de homenaxe”.

Dentro do seu interese estaba tamén describir os lugares polos que navegou Magallanes, tratar o tema dos colonizadores do s. XIX, o medre desa zona baseado no “ouro branco” (grandes extensións dedicadas á cría de ovellas), a aparición dunha elite rica e poderosa que foi quen de crear un ambiente refinado e culto que levase a cabo un milagre imposible dada a dura climatoloxía do lugar… E todo isto incorporando lugares ou personaxes de ficción como Aurelio de Andrada, nun diálogo indisimulado coa novela de Blanco Amor.

“Esa miña visita foi fonte de inspiración tamén para outra novela (Meu pai vaite matar) sobre o penal militar situado en Ushuaia, a cidade máis austral, xa arxentina. O protagonista, Moncho, un galego que é enviado a ese cárcere, é un “desgraciado criminal” ao contrario dos que mencionan os amigos de Eduardo Blanco Amor, que non eran máis ca presos políticos enviados alí por un xuíz malvado.“O lugar é inhumano, un dos máis espantosos que teña visto. Nesta altura está fechado e convertido nun museo para mostrarlles ese horror ás xeracións vindeiras”.

“Canto á morte de Blanco Amor, foi xusto como relato no libro. A min avisoume o meu curmán e acudín ao hospital con outras tres persoas pero alí non había ningunha representación oficial, ningunha persoa do Concello nin do mundo da cultura. Parece que a súa morte pasou desapercibida. El residía en Ourense e estaba en Vigo de paso e a morte sorprendeuno aquí, nun taxi. E alí estaba nunha caixa sobre o chan, nun cuarto cheo de humidade do hospital Nicolás Peña antes de o trasladar a Ourense, que foi onde se enterrou. Xa de morto, nomeárono fillo predilecto de Ourense e organizáronlle todo tipo de recoñecementos, todos os que lle faltaron en vida, porque non lle fixeron sitio en ningún grupo e non contou co apoio de ninguén. A súa homosexualidade marcou a súa vida. El cría que ía ter unha acollida en Galicia que non se produciu. Todos lle deron de lado”. 



Xa para irmos acabando recalamos na polémica producida con motivo da proposta do seu ingreso na Real Academia Galega. O Consello Municipal da Muller de Vigo propuxo o seu ingreso na Academia no 2011 “pero eu sabía que esta idea non ía callar porque non había realmente interese en que eu formase parte da RAG. Debía contar só con tres persoas que me propuxesen e non as houbo. A min chamoume Alonso Montero e preguntoume se realmente quería ser candidata e eu dixen que non, que entre os meus intereses non está o formar parte dese grupo. Non creo que puidese facer nada alí, nin a prol da lingua nin do feminismo, así que é un sitio no que non quero estar”.

Para rematar, Mª Xosé Queizán conclúe: “Son unha persoa silenciada. Nesta altura non teño onde escribir. Tiña unha columna en La Voz de Galicia pero xa non. Botáronme. E o máis duro do silenciamento é a ignorancia da obra realizada. Eu sei que son unha persoa incómoda porque digo cousas que ninguén se atreve a dicir. Hai quen di que son valente pero é que alguén o ten que facer. E nesta altura da miña vida resúltame tan pracenteiro expresar o que realmente penso que non o cambio por nada. Falábase de censura en tempos da ditadura pero eu hai tempo que non teño onde escribir, aínda que esteamos nunha democracia.” E tras esta charla tan enriquecedora, deixamos aquí constancia das súas palabras.


Soledad Ríos Santomé