lunes, 23 de noviembre de 2015

Accésit XIII Certame de Microrrelatos : "A hucha das mazás" de Lionel Rexes Martínez


A HUCHA DAS MAZÁS
A carón da maseira sempre houbo unha hucha con roupa enxoita para cando chegaban
feridos polo Nordés. Mudábanse na cociña aproveitando a caloriña, e enxugaban as
zocas no andel da cambota, sempre quente por proximidade á lumarada.
Nas xeracións todas que habitaron a casa, sempre houbo algún picarexo que pescudou
na orixe da denominación daquela arca, á que sempre chamaron a hucha das mazás; e
todos eles estarreceron coa resposta que escoitaron dos patrucios.
Disque nunha época de moita escaseza, unha meniña morrera na casa ao pouco de
nacer, e non tendo onde prostrar o corpiño irto até o día do enterro, pousárono no
interior da hucha, amortallado nun envurullo de farrapos.
Durante anos, a hucha exhalou ao abrila un recendo a mazás verdes que todos apuñan á
estadía da defuntiña.
Aquilo deixou de acontecer sen que ninguén garde recordo do momento, mais a
inquedanza perdurou, e só no tempo en que as maciñeiras se enfeitan de froito, son
remudados os xornais que forran o fondo da hucha.

No hay comentarios:

Publicar un comentario