lunes, 23 de noviembre de 2015

Na Lonxa Literaria xa temos gañador do XIII Certame de Microrrelatos. O premio é este ano para Manuel Sánchez Gálvez de Vigo co seu relato "Oito minutos".


OITO MINUTOS
Cando Loisa saíu co tempo xusto para coller o autobús, topouse cunha chuvieira e un
vendaval de nordés que nin imaxinara mentres almorzaba de pé na cociña. Baixou de
novo, equipada xa de botas brancas de auga, de chuvasqueiro branco e dun paraugas
transparente de burbulla. Xa na parada, os minutos pasaban, o autobús non viña e Loisa
desesperábase co bater das gotas de chuvia contra o paraugas. Pingas enormes bateron
contra o plástico ata que o barullo no oco do paraugas lembroulle os estoupidos dos
flocos de millo que lle cociñaba o seu pai de nena. Pero o autobús seguía sen vir. De
súpeto, a mais do barullo dos estoupidos, o seu nariz encheuse dun recendo a millo
quente. Uliscou dentro do chuvasqueiro e reviviu sorrindo ese intre, emocionante cada
vez, no que esperaba co seu pai o estoupido do primeiro floco na cazola. Sorría xa coma
una nena, cando de tan chea de ledicia que estaba, Loisa estoupou. E pingou de
anaquiños de chuvasqueiro branco os abrigos negros das catro persoas da parada, que os
sacudiron sen decatarse sequera de que Loisa tiña esperado alí con eles, nin ter
escoitado tampouco o seu estoupido de felicidade, amolados como estaban pola chuvia,
polo nordés e polos oito minutos de retraso que levaba o autobús.

No hay comentarios:

Publicar un comentario