Tertulia coa Lonxa Literaria
(26.09.14)
Quedaramos
para a noite do 26 de setembro nun principio de outono estrañamente cálido. A
hora: a partir das 9; o lugar: o centro sociocultural Daniel Castelao de Moaña.
Organizaramos o acto a Lonxa Literaria xunto
coa Revista Galega de Teatro (RGT) co obxecto de debater nesta ocasión sobre un
texto dramático publicado no nº 61 desa mesma revista. A tertulia
acompañaríamola dunha lectura dramatizada dalgunhas das súas escenas.
A obra elixida, O Ogrocho, da actriz e tamén escritora canadense Suzanne Lebeau,
foi levada a escena neste ano por Teatro de Ningures. No verán, na Mostra de
Teatro Cómico Festivo de Cangas e, a finais de outubro, nos Circuítos de Teatro
de Moaña.
Contabamos coa asistencia dos artistas
(director –Salvador del Río- e actriz protagonista –María Salgueiro-) que a
representaron, así como do tradutor (Henrique Harguindey) que a verteu do
francés orixinal para o galego. Acompañábannos tamén unha vintena longa de
persoas que acudiron á convocatoria formalizada (como é habitual en nós) de
asistencia libre.
Comezamos o acto sen demasiados preámbulos:
primeiramente cunha inmersión no texto dramático. Antón Lamapereira, da RGT, e
Andrea Pérez Santos, estudante de bacharelato artístico coa intención de cursar
a ESAD, foron os encargados de darlle vida ao texto e poñerlle voz ao Ogrocho e
a Ana, a súa nai. A escolla das escenas, realizada por Xoán C. Riobó, inciden
nos momentos máis intensos da obra: a descuberta do pequeno do sabor do sangue
(escena 5), do momento no que está recluído co lobo (escena 9) e o
enfrontamento á terceira e última proba na que superará a súa ogridade (escena
12).
É despois cando o propio Xoán presenta á
autora canadense de quen tivo noticias por primeira vez nos encontros TeVeo de
Zamora. A visualización da súa obra Salvador,
a montaña, o neno e o mango impresionaríano de tal xeito que prendeu nel o
desexo de que todos os nenos do mundo deberían vela. Cando a coñeceu
persoalmente en Alcalá de Henares, a onde acudira Lebeau coa súa compañía Le
Carrousel, ratificou a impresión de persoa moi comprometida coa súa obra e un
tanto danada por ese compromiso.
Xoán fálanos dunha Suzanne moi prolífica,
con máis de vinte obras escritas e traducidas (algunhas) a varios idiomas, así
como da súa entrega paseniña á escrita dramática en detrimento da
representación escénica á que se dedicou nun primeiro momento. Destácaa,
igualmente, como unha das dramaturgas máis representativas do teatro
contemporáneo, o que non é atranco para incorporar unha linguaxe poética allea,
polo xeral, a este xénero.
Sabemos tamén da súa especialización nun
tipo de teatro pouco habitual, cunha dedicación comprometida e intensa coa
infancia e mocidade, na que non escamotea temáticas arriscadas ou abordaxes
pouco habituais, arduas e de extraordinaria crueza, cuestionadas en ocasións e
quizais difíciles de visualizar fóra do contexto social e cultural no que se
crearon.
Escrito nun francés estándar (e non coas
particularidades do Quebec de onde procede Lebeau) a tradución non presentou
problemas de importancia, segundo nos comenta Harguindey. A precaución guiou en
todo momento a súa tarefa centrándose en resolver as pequenas dificultades da
adaptación a un contorno físico e cultural diferente (diferenzas horarias, hábitos
ou cores do medio). Lingüisticamente destaca as dificultades para traducir o
título (L´Ogrelet en francés), un
diminutivo particular que el adaptou a Ogrocho (El ogrito en castelán), a máis acaída das posibles que barallou.
Outra cuestión de importancia centrouse nas cores das árbores, tan distintas ás
nosas. A elixida pola autora é o arce, árbore emblemática e moi habitual en
Canadá (a súa folla figura na súa bandeira) que vira encarnada no outono. Pero
a escolla de Suzanne non é casual porque a cor encarnada ten un papel central
na obra ao ser a cor prohibida para o pequeno polo potencial efecto activador
dos seus instintos. Entre as posibilidades valoradas, Harguindey optou na
tradución pola cerdeira, árbore abundante na nosa terra e que tamén vira encarnada.
Pero Lebeau elabora O Ogrocho como un conto
popular (o ogro, o bosque, o medo, o lobo, as probas…), característica
identificable tanto na súa estrutura como na súa técnica e ao que a autora
dotou dun ritmo interior con funcións mnemotécnicas, á vez que lle imprimen
dinamismo á acción. De por parte, no francés orixinal Harguindey detectou unha
rima secundaria que buscou reproducir en galego no eco do ritmo.
As escollas do director (Salvador del Río)
presentaron as dificultades propias da posta en escena dun texto dramático
(ensamblaxes, entradas/saídas dos personaxes, caracterización dos
protagonistas…). Aínda que con pouca experiencia na montaxe de teatro para a
infancia (tiñan como precedente unicamente O
Principiño) buscou montar un espectáculo que entretivese por igual a nenos
e adultos, malia a escaseza de obras destas características.
“Estamos ante unha obra moi dura, difícil”,
afirma Salvador. Non obstante, isto non foi impedimento para que se animasen a
representala para os máis pequenos en varios centros de ensino do Morrazo cun
resultado máis que satisfactorio. Gustoulle descubrir que os nenos aceptan ben
a obra e incluso os máis cativos entenden o esencial. Unicamente coas últimas
frases da obra (nas que o Ogrocho confesa que mordeu a deda de Pamela e que a
conserva no peto cunha pinguiña de sangue) houbo controversia. Algúns colexios
consideraron moi dura esta parte e preferiron retirala. Non obstante, Salvador
considéraa imprescindible polo que ten de mensaxe final: “A autora vénnos a dicir
que hai que aprender a convivir coa diferenza e a aceptar (e difundir) as nosas
limitacións”. Non dubidou en mantela.
Particularmente O Ogrocho presenta
problemas específicos ao recaer todo o peso da representación unicamente en
dous personaxes (Ogrocho e Ana): “É difícil abordar unha obra con só dous
personaxes”, continúa, “e máis estraño aínda que se mencionen outros –moi
importantes- que non chegan a aparecer nunca en escena” (a profesora e o pai).
“A
representación –tíñao claro desde o primeiro momento- buscaría a escenificación
dun conto tradicional” consonte a proposta de Leabeau, de aí que se reproduza
un bosque, unha cabana, que a protagonista cante… Tentábase por diferentes
medios incorporar aqueles elementos que contribuísen á creación dunha atmosfera
marabillosa… de conto. “Axudámonos tamén da música. A cargo de Anxo Graña, que
aborda o seu traballo de xeito moi libre, moi creativo e que me encanta, o
certo é que nunca segue as miñas instrucións pero o resultado sempre me
sorprende. El estaba entre nós mentres a montabamos e captou perfectamente a
idea do que tentabamos transmitir”. E non hai dúbidas que o produto final gusta
porque os asistentes a gaban especialmente (“É unha música moi bonita”) amais
da montaxe da obra.
E as directrices interpretativas para os
dous actores foron moi ambiciosas: “É unha obra chea de suxestións. Toca moitos
dramas reais que os actores debían abordar”, comenta Salvador. María Salgueiro,
a actriz que encarna á nai de Ogrocho, debía representar un abano de mulleres diversas
que puidesen identificarse con ela: as mulleres soas que crian en solitario os
seus fillos, as sobreprotectoras, as namoradas de homes ausentes, as que os
estrañan, as que proxectan esa ausencia no fillo, as que se enfrontan con
incertidume e algo de angustia á saída primeira do fillo do seguro reduto
familiar... E María precisou ler o texto unha e outra vez para facerse con el.
“Ao principio, cústame entender a obra. Pero todo está no texto. A mellor
maneira de facerte co personaxe é ler o texto íntegro varias veces. É o que me
vai dando as pautas para construílo. E mentres non me fago con el, pásoo mal”.
O reto para o actor Lois Soaxe non era
menor. En primeiro lugar debía facer visible a transformación progresiva de
Ogrocho a medida que transcorrese a obra. A súa caracterización (verbal e
corporal) tiña que partir desde a presentación primeira cunha apariencia
inxenua e infantil ata a madurez dos últimos momentos. E interpretativamente
(recorreu á voz, á postura…) esta transformación debía ser perfectamente
perceptible para os espectadores. Pero non só iso. Salvador conectaba a
condición de ogridade do neno con algún animal salvaxe que el identificou cun
lobo. Así que Lois debía tentar caracterizarse como este animal a través da súa
expresión corporal, na escenificación da agudeza dos sentidos no bosque… A
colaboración dunha amiga coreógrafa, pese a que foi breve e puntual, supuxo
unha gran axuda para rematar de pulir esta expresión.
E o director non elude comentar o labor de
depuración, sempre insistente, sempre reiterado, que supón a montaxe, resultado
da experimentación constante. “Hai que ir probando diferentes cousas unha e
outra vez e ir rescatando de cada unha delas e de cada vez aquilo que funciona.
A suma de todas elas é a representación
final”. De aí que “Os ensaios te deixen espido emocionalmente porque
debes tirar toda roupaxe de enriba e mostrarte sen máscaras diante dos demais”.
E é este un proceso transformador para todos no que o propio director tamén se
retroalimenta das execucións (ou dificultades de execución) por parte dos
actores para, ás veces, reconsiderar substancialmente a proposta inicial.
Canto ás consideracións literarias da obra, non quería deixar de
mencionar a actitude benevolente de Lebeau na construción dos seus personaxes.
Todos eles se moven guiados por grandes sentimentos. A dignidade, o afecto, a
confianza, o amor, o respecto, a valentía… é o facho que guía a súa actuación
(a nai defende o seu fillo por riba de todo e contra todos, o pai vixía e
protexe a familia desde a distancia e resolve imitar finalmente a xesta do
fillo, a profesora preocúpase polo neno e confía nel, a pequena acompáñao no
seu encerro sen receos…). Suzanne constrúe uns personaxes movidos pola grandeza
e sálvaos a todos sen excepcións.
E como todo conto que se precie, Suzanne
regálalles un final feliz. Saltándose (unha vez máis)
toda credibilidade (¿e non haberá castigo para alguén que secuestra durante
tres meses a unha nena sen dar noticias de vida?) convócaos a todos a unha
comida fraternal final para celebrar o éxito do neno. A superación das probas é
só motivo de celebración e anula calquera outra consideración.
Por outra parte, Lebeau representa na súa
obra unha viaxe iniciática do neno que vira en adulto ao longo da obra. O
Ogrocho, co seu comportamento, dálles unha lección de madurez e valentía a
todos: á nai, que non confiaba en que puidese superar as probas; ao pai, que
non se atreveu a enfrontarse á última; á profesora e á nena, que confiaran nel
e demóstralles que estivo á altura… A obra é, así mesmo, un canto á convivencia
coa diferenza, á súa aceptación e desdramatización, á ausencia de temor para
difundila, á necesidade de enfrontarnos sen medos a ela... E a ser un pouco
máis valentes e mellores.
Soledad Ríos Santomé
Publicado na Revista
Galega de Teatro (RGT) nº 81 (Inverno de 2014)