jueves, 19 de marzo de 2015

O Ogrocho, por Soledad Ríos Santomé




Tertulia coa Lonxa Literaria
(26.09.14)


         Quedaramos para a noite do 26 de setembro nun principio de outono estrañamente cálido. A hora: a partir das 9; o lugar: o centro sociocultural Daniel Castelao de Moaña.
Organizaramos o acto a Lonxa Literaria xunto coa Revista Galega de Teatro (RGT) co obxecto de debater nesta ocasión sobre un texto dramático publicado no nº 61 desa mesma revista. A tertulia acompañaríamola dunha lectura dramatizada dalgunhas das súas escenas.
A obra elixida, O Ogrocho, da actriz e tamén escritora canadense Suzanne Lebeau, foi levada a escena neste ano por Teatro de Ningures. No verán, na Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas e, a finais de outubro, nos Circuítos de Teatro de Moaña.
Contabamos coa asistencia dos artistas (director –Salvador del Río- e actriz protagonista –María Salgueiro-) que a representaron, así como do tradutor (Henrique Harguindey) que a verteu do francés orixinal para o galego. Acompañábannos tamén unha vintena longa de persoas que acudiron á convocatoria formalizada (como é habitual en nós) de asistencia libre.
Comezamos o acto sen demasiados preámbulos: primeiramente cunha inmersión no texto dramático. Antón Lamapereira, da RGT, e Andrea Pérez Santos, estudante de bacharelato artístico coa intención de cursar a ESAD, foron os encargados de darlle vida ao texto e poñerlle voz ao Ogrocho e a Ana, a súa nai. A escolla das escenas, realizada por Xoán C. Riobó, inciden nos momentos máis intensos da obra: a descuberta do pequeno do sabor do sangue (escena 5), do momento no que está recluído co lobo (escena 9) e o enfrontamento á terceira e última proba na que superará a súa ogridade (escena 12).

É despois cando o propio Xoán presenta á autora canadense de quen tivo noticias por primeira vez nos encontros TeVeo de Zamora. A visualización da súa obra Salvador, a montaña, o neno e o mango impresionaríano de tal xeito que prendeu nel o desexo de que todos os nenos do mundo deberían vela. Cando a coñeceu persoalmente en Alcalá de Henares, a onde acudira Lebeau coa súa compañía Le Carrousel, ratificou a impresión de persoa moi comprometida coa súa obra e un tanto danada por ese compromiso.
Xoán fálanos dunha Suzanne moi prolífica, con máis de vinte obras escritas e traducidas (algunhas) a varios idiomas, así como da súa entrega paseniña á escrita dramática en detrimento da representación escénica á que se dedicou nun primeiro momento. Destácaa, igualmente, como unha das dramaturgas máis representativas do teatro contemporáneo, o que non é atranco para incorporar unha linguaxe poética allea, polo xeral, a este xénero.
Sabemos tamén da súa especialización nun tipo de teatro pouco habitual, cunha dedicación comprometida e intensa coa infancia e mocidade, na que non escamotea temáticas arriscadas ou abordaxes pouco habituais, arduas e de extraordinaria crueza, cuestionadas en ocasións e quizais difíciles de visualizar fóra do contexto social e cultural no que se crearon.
Escrito nun francés estándar (e non coas particularidades do Quebec de onde procede Lebeau) a tradución non presentou problemas de importancia, segundo nos comenta Harguindey. A precaución guiou en todo momento a súa tarefa centrándose en resolver as pequenas dificultades da adaptación a un contorno físico e cultural diferente (diferenzas horarias, hábitos ou cores do medio). Lingüisticamente destaca as dificultades para traducir o título (L´Ogrelet en francés), un diminutivo particular que el adaptou a Ogrocho (El ogrito en castelán), a máis acaída das posibles que barallou. Outra cuestión de importancia centrouse nas cores das árbores, tan distintas ás nosas. A elixida pola autora é o arce, árbore emblemática e moi habitual en Canadá (a súa folla figura na súa bandeira) que vira encarnada no outono. Pero a escolla de Suzanne non é casual porque a cor encarnada ten un papel central na obra ao ser a cor prohibida para o pequeno polo potencial efecto activador dos seus instintos. Entre as posibilidades valoradas, Harguindey optou na tradución pola cerdeira, árbore abundante na nosa terra e que tamén vira encarnada.
Pero Lebeau elabora O Ogrocho como un conto popular (o ogro, o bosque, o medo, o lobo, as probas…), característica identificable tanto na súa estrutura como na súa técnica e ao que a autora dotou dun ritmo interior con funcións mnemotécnicas, á vez que lle imprimen dinamismo á acción. De por parte, no francés orixinal Harguindey detectou unha rima secundaria que buscou reproducir en galego no eco do ritmo.
As escollas do director (Salvador del Río) presentaron as dificultades propias da posta en escena dun texto dramático (ensamblaxes, entradas/saídas dos personaxes, caracterización dos protagonistas…). Aínda que con pouca experiencia na montaxe de teatro para a infancia (tiñan como precedente unicamente O Principiño) buscou montar un espectáculo que entretivese por igual a nenos e adultos, malia a escaseza de obras destas características.
“Estamos ante unha obra moi dura, difícil”, afirma Salvador. Non obstante, isto non foi impedimento para que se animasen a representala para os máis pequenos en varios centros de ensino do Morrazo cun resultado máis que satisfactorio. Gustoulle descubrir que os nenos aceptan ben a obra e incluso os máis cativos entenden o esencial. Unicamente coas últimas frases da obra (nas que o Ogrocho confesa que mordeu a deda de Pamela e que a conserva no peto cunha pinguiña de sangue) houbo controversia. Algúns colexios consideraron moi dura esta parte e preferiron retirala. Non obstante, Salvador considéraa imprescindible polo que ten de mensaxe final: “A autora vénnos a dicir que hai que aprender a convivir coa diferenza e a aceptar (e difundir) as nosas limitacións”. Non dubidou en mantela.
Particularmente O Ogrocho presenta problemas específicos ao recaer todo o peso da representación unicamente en dous personaxes (Ogrocho e Ana): “É difícil abordar unha obra con só dous personaxes”, continúa, “e máis estraño aínda que se mencionen outros –moi importantes- que non chegan a aparecer nunca en escena” (a profesora e o pai).
 “A representación –tíñao claro desde o primeiro momento- buscaría a escenificación dun conto tradicional” consonte a proposta de Leabeau, de aí que se reproduza un bosque, unha cabana, que a protagonista cante… Tentábase por diferentes medios incorporar aqueles elementos que contribuísen á creación dunha atmosfera marabillosa… de conto. “Axudámonos tamén da música. A cargo de Anxo Graña, que aborda o seu traballo de xeito moi libre, moi creativo e que me encanta, o certo é que nunca segue as miñas instrucións pero o resultado sempre me sorprende. El estaba entre nós mentres a montabamos e captou perfectamente a idea do que tentabamos transmitir”. E non hai dúbidas que o produto final gusta porque os asistentes a gaban especialmente (“É unha música moi bonita”) amais da montaxe da obra.
E as directrices interpretativas para os dous actores foron moi ambiciosas: “É unha obra chea de suxestións. Toca moitos dramas reais que os actores debían abordar”, comenta Salvador. María Salgueiro, a actriz que encarna á nai de Ogrocho, debía representar un abano de mulleres diversas que puidesen identificarse con ela: as mulleres soas que crian en solitario os seus fillos, as sobreprotectoras, as namoradas de homes ausentes, as que os estrañan, as que proxectan esa ausencia no fillo, as que se enfrontan con incertidume e algo de angustia á saída primeira do fillo do seguro reduto familiar... E María precisou ler o texto unha e outra vez para facerse con el. “Ao principio, cústame entender a obra. Pero todo está no texto. A mellor maneira de facerte co personaxe é ler o texto íntegro varias veces. É o que me vai dando as pautas para construílo. E mentres non me fago con el, pásoo mal”.
O reto para o actor Lois Soaxe non era menor. En primeiro lugar debía facer visible a transformación progresiva de Ogrocho a medida que transcorrese a obra. A súa caracterización (verbal e corporal) tiña que partir desde a presentación primeira cunha apariencia inxenua e infantil ata a madurez dos últimos momentos. E interpretativamente (recorreu á voz, á postura…) esta transformación debía ser perfectamente perceptible para os espectadores. Pero non só iso. Salvador conectaba a condición de ogridade do neno con algún animal salvaxe que el identificou cun lobo. Así que Lois debía tentar caracterizarse como este animal a través da súa expresión corporal, na escenificación da agudeza dos sentidos no bosque… A colaboración dunha amiga coreógrafa, pese a que foi breve e puntual, supuxo unha gran axuda para rematar de pulir esta expresión.
E o director non elude comentar o labor de depuración, sempre insistente, sempre reiterado, que supón a montaxe, resultado da experimentación constante. “Hai que ir probando diferentes cousas unha e outra vez e ir rescatando de cada unha delas e de cada vez aquilo que funciona. A suma de todas elas é a representación  final”. De aí que “Os ensaios te deixen espido emocionalmente porque debes tirar toda roupaxe de enriba e mostrarte sen máscaras diante dos demais”. E é este un proceso transformador para todos no que o propio director tamén se retroalimenta das execucións (ou dificultades de execución) por parte dos actores para, ás veces, reconsiderar substancialmente a proposta inicial.
Canto ás consideracións literarias da obra, non quería deixar de mencionar a actitude benevolente de Lebeau na construción dos seus personaxes. Todos eles se moven guiados por grandes sentimentos. A dignidade, o afecto, a confianza, o amor, o respecto, a valentía… é o facho que guía a súa actuación (a nai defende o seu fillo por riba de todo e contra todos, o pai vixía e protexe a familia desde a distancia e resolve imitar finalmente a xesta do fillo, a profesora preocúpase polo neno e confía nel, a pequena acompáñao no seu encerro sen receos…). Suzanne constrúe uns personaxes movidos pola grandeza e sálvaos a todos sen excepcións.
E como todo conto que se precie, Suzanne regálalles un final feliz. Saltándose (unha vez máis) toda credibilidade (¿e non haberá castigo para alguén que secuestra durante tres meses a unha nena sen dar noticias de vida?) convócaos a todos a unha comida fraternal final para celebrar o éxito do neno. A superación das probas é só motivo de celebración e anula calquera outra consideración.
Por outra parte, Lebeau representa na súa obra unha viaxe iniciática do neno que vira en adulto ao longo da obra. O Ogrocho, co seu comportamento, dálles unha lección de madurez e valentía a todos: á nai, que non confiaba en que puidese superar as probas; ao pai, que non se atreveu a enfrontarse á última; á profesora e á nena, que confiaran nel e demóstralles que estivo á altura… A obra é, así mesmo, un canto á convivencia coa diferenza, á súa aceptación e desdramatización, á ausencia de temor para difundila, á necesidade de enfrontarnos sen medos a ela... E a ser un pouco máis valentes e mellores.

Soledad Ríos Santomé

Publicado na Revista Galega de Teatro (RGT) nº 81 (Inverno de 2014)

No hay comentarios:

Publicar un comentario