lunes, 21 de marzo de 2016

Certame de microrrelatos. 1ª ed. (2003)


1. Gañador: Adolfo Caamaño

Relato: Subsidio

2.Accésits:

Claudia Castro; Relato: Retrato dunha muda
Manuel González; Relato: Seino

Mencións:

Jorge García-Valenciano; Relato: Vida de peixe
Eduardo Suárez; Relato: O encontro
Félix Cid; Relato: Na lonxa
Marcos González; Relato: Robalisa
Emma Pedreira; Relato: Tan de lonxe

3. Palabra: lonxa
………………………………………………………………………………………………………

RELATO GAÑADOR

Subsidio

Debeu ser alá por finais dos sesenta. Cando entrei e vin ao vello Paquiño O
Tolleito só e debruzado sobre unha mesa da taberna de Saladina, pensei que,
como cada noite, xa debía estar borracho. O vendaval prendera os barcos a
porto. Non habería descargas de peixe. O Tolleito non tería caixas que
arrastrar. Podería beber tranquilo, só, na lonxa dos seus pensamentos.
Na mesa do lado xogaban ao dominó catro mariñeiros, xa con algúns anos ao
lombo. Entre chico e chico comentaban a sorte que tivera un deles, tío do
secretario da Irmandade Sindical. Por mor dunha doenza nunha perna que
lle deixou algo da coxeira, empezara a cobrar o subsidio. A intermitente
conversa foi derivando en discusión sobre as ventaxes da recén estreada
Seguridad Social.
Entraba xente a facer a partida. Saían do invernío da noite coma espectros
mollados que, só unha vez desprendidos das húmidas prendas, recuperaban
o rostro humano. Chiquitas e grapas de xastreu. Manises, arenques e rachas
de bacallau salgado para tirar do viño. Como un navío de xordos ruídos, na
atmósfera tabernaria pairou o monótono vociferio dos envites guerreiros no
truco e o tormentoso petar de arrastres e peches de dominó.
Paquiño O Tolleito, nun repente, ergueu a testa da mesa. Sen dirixirse en
concreto a ningún dos presentes, coma nun sucinto monólogo de heroe
grego, alzou a ronca, humanamente, a voz digna e humilde dos que se saben
doregados, raptados polo Fado. E sobre o ceo indiferente da vella taberna,
xa liberada a súa palabra pola borracheira, o xornaleiro tolleito ceibou o seu
máis lúcido envido: “O peor é ter saúde” –dixo.


                                                                                      Adolfo Caamaño

No hay comentarios:

Publicar un comentario