lunes, 21 de marzo de 2016

Certame de microrrelatos. 13ª ed. (2015)

Gañador: Manuel Sánchez Gálvez
Relato: Oito minutos
Accésit: Lionel Rexes Martínez; Relato: A hucha das mazás
Palabra: nordés
…………………………………………………………………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:

Oito minutos
Cando Loisa saíu co tempo xusto para coller o autobús, topouse cunha chuvieira
e un vendaval de nors que nin imaxinara mentres almorzaba de na cociña.
Baixou de novo, equipada xa de botas brancas de auga, de chuvasqueiro branco
e dun paraugas transparente de burbulla. Xa na parada, os minutos pasaban, o
autobús non viña e Loisa desesperábase co bater das gotas de chuvia contra o
paraugas. Pingas enormes bateron contra o plástico ata que o barullo no oco do
paraugas lembroulle os estoupidos dos #ocos de millo que lle cociñaba o seu pai
de nena. Pero o autobús seguía sen vir. De súpeto, a mais do barullo dos
estoupidos, o seu nariz encheuse dun recendo a millo quente. Uliscou dentro do
chuvasqueiro e reviviu sorrindo ese intre, emocionante cada vez, no que
esperaba co seu pai o estoupido do primeiro #oco na cazola. Sorría xa coma unha
nena, cando de tan chea de ledicia que estaba, Loisa estoupou. E pingou de
anaquiños de chuvasqueiro branco os abrigos negros das catro persoas da
parada, que os sacudiron sen decatarse sequera de que Loisa tiña esperado alí
con eles, nin ter escoitado tampouco o seu estoupido de felicidade, amolados
como estaban pola chuvia, polo nordés e polos oito minutos de retraso que
levaba o autobús.
Manuel Sánchez Gálvez
Gañador
……………………………………………………………………………….
 ACCÉSIT:
A hucha das mazás
A carón da maseira sempre houbo unha hucha con roupa enxoita para cando
chegaban feridos polo Nordés. Mudábanse na cociña aproveitando a caloriña, e
enxugaban as zocas no andel da cambota, sempre quente pola proximidade á
lumarada.
Nas xeracións todas que habitaron a casa, sempre houbo algún picarexo que
pescudou na orixe da denominación daquela arca, á que sempre chamaron a
hucha das mazás; e todos eles estarreceron coa resposta que escoitaron dos
patrucios.
Disque nunha época de moita escaseza, unha meniña morrera na casa ao pouco
de nacer, e non tendo onde postrar o corpiño irto até o día do enterro, pousárono
no interor da hucha, amortallado nun envurullo de farrapos.
Durante anos, a hucha exhalou ao abrila un recendo a mazás verdes que todos
apuñan á estadía da defuntiña.
Aquilo deixou de acontecer sen que ninguén garde recordo do momento, mais a
inquedanza perdurou, e no tempo en que as maciñeiras se enfeitande froito,
son remudados os xornais que forran o fondo da hucha.

                                                                                         Lionel Rexes Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario