1. Gañador: Ramón Torreiro
Relato: O santo de pau
2. Accésits:
Roberto López; Relato: Contacto extrasensorial coa natureza
Antonio Pichel; Relato: P. agarda
3. Palabra: toxo
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR:
O santo de pau
As croantas eran as encargadas do coidado do Santo. Tódolos anos facíanlle rogativas.
Antes de mirar raiar o sol oíase o cántico repetitivo e lento:
San Salvador, te rogamos audinos, Santa Catarina, te rogamos audinos, te rogamos
audinos.
Aquel ano a seca fora tanta que as Croantas foron en procesión ao río para mollarlle os
pés ao Santo (avogoso das intemperanzas atmosféricas) o derradeiro día da rogativa.
O remedio operou decontado. Aínda non lle meteran os pés no río, armouse tal
treboada que a iauga caía do ceo a candas e mesmo parecía que era de noite. Casilda, a
máis vella das Croantas, aínda vendo que a iauga era moita, terqueou en mollarlle os
pés ao santo para que o problema quedase solucionado para tempo. Daquela a
arroiada foi tan forte que a Croanta e mailo Santo marcharon polo río abaixo. O santo
era de pau e aboiaba, pero a vella Croanta foise ao fondo e afogou.
Apañaron o santo pero a ela tardaron algúns días en atopala. Fixéronlle secas ao río,
puxeron trasmallos para que caese coma unha troita vella, atoárono con carros de
toxo... Todo foi inútil, a vella apareceu inchada, barriga arriba, na balsa do muíño dos
Caneiros. O enterro, con moitos cregos, foi na capela. O santo presidía fachendoso o
recinto sacro.
Cando xa sacaban o cadaleito para darlle terra, unha das irmás berrou:
Ai! San Salvador, San Salvador. Aquí só se salva quen nada mellor.
Ramón Torreiro
No hay comentarios:
Publicar un comentario