lunes, 21 de marzo de 2016

Certame de Microrrelatos. 8ª ed. (2010)


Gañadora: Beatriz Lorenzo López
Relato: Sabedoría popular
 
Palabra: Maré
(Non obstante, como na difusión a través de Internet das bases este certame houbo
unha confusión e grafouse "mar" no canto de "maré", a proposta por nós, na Lonxa
Literaria decidimos dar por válidos os relatos que tiñan tanto a palabra mar como
maré)
----------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR
Sabedoría popular 
Ós quince anos quixen ser pescador. Ó abrente vía marchar ós homes coas canas no
ombreiro e os queipos na man, todos coa barba pechada e un cheirume acedo a
salmoira nas roupas e na alma. Cando o soubo, meu pai púxome a traballar na
tafona familiar.
- Lonxe dos ollos, lonxe do corazón -dixo.
Como xa non podía ver o mar, empecei a fabricalo. Aproveitei unha fornada de broa
para moldear media ducia de peixes xeitosos que sairon do forno negros e tenros e
vendéronse moi ben entre a rapazallada. As galletas e os biscoitos comezaron a
acadar forma de quenllas e sereas, ata de argazos. Foi un éxito.
-¡Carallo de galego! onde pon o ollo, pon o dedo -alegrouse o meu pai.
Pero cando lle pedín un día de feira cuspiu de esguello.
- Cría o corvo e sacarache o ollo.
Así que esa noite forneei unha balea doce e crocante, con fariña de biscoito e crema
de leite. Ó pai teríalle gustado, estou seguro, pero non a probou porque media hora
antes eu mesmo lle sacara os ollos para soterralos na masa latexante, coma
pequenos Xonás agardando no ventre de lévedo entre as froitas confeitadas e as
améndoas".
                                                                                                Beatriz Lorenzo López

No hay comentarios:

Publicar un comentario