miércoles, 23 de marzo de 2016
lunes, 21 de marzo de 2016
Certame de microrrelatos. 13ª ed. (2015)
Gañador: Manuel Sánchez Gálvez
Relato: Oito minutos
Accésit: Lionel Rexes Martínez; Relato: A hucha das mazás
Palabra: nordés
…………………………………………………………………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:
Oito minutos
Cando Loisa saíu co tempo xusto para coller o autobús, topouse cunha chuvieira
e un vendaval de nordés que nin imaxinara mentres almorzaba de pé na cociña.
Baixou de novo, equipada xa de botas brancas de auga, de chuvasqueiro branco
e dun paraugas transparente de burbulla. Xa na parada, os minutos pasaban, o
autobús non viña e Loisa desesperábase co bater das gotas de chuvia contra o
paraugas. Pingas enormes bateron contra o plástico ata que o barullo no oco do
paraugas lembroulle os estoupidos dos #ocos de millo que lle cociñaba o seu pai
de nena. Pero o autobús seguía sen vir. De súpeto, a mais do barullo dos
estoupidos, o seu nariz encheuse dun recendo a millo quente. Uliscou dentro do
chuvasqueiro e reviviu sorrindo ese intre, emocionante cada vez, no que
esperaba co seu pai o estoupido do primeiro #oco na cazola. Sorría xa coma unha
nena, cando de tan chea de ledicia que estaba, Loisa estoupou. E pingou de
anaquiños de chuvasqueiro branco os abrigos negros das catro persoas da
parada, que os sacudiron sen decatarse sequera de que Loisa tiña esperado alí
con eles, nin ter escoitado tampouco o seu estoupido de felicidade, amolados
como estaban pola chuvia, polo nordés e polos oito minutos de retraso que
levaba o autobús.
Manuel Sánchez Gálvez
Gañador
……………………………………………………………………………….
ACCÉSIT:
A hucha das mazás
A carón da maseira sempre houbo unha hucha con roupa enxoita para cando
chegaban feridos polo Nordés. Mudábanse na cociña aproveitando a caloriña, e
enxugaban as zocas no andel da cambota, sempre quente pola proximidade á
lumarada.
Nas xeracións todas que habitaron a casa, sempre houbo algún picarexo que
pescudou na orixe da denominación daquela arca, á que sempre chamaron a
hucha das mazás; e todos eles estarreceron coa resposta que escoitaron dos
patrucios.
Disque nunha época de moita escaseza, unha meniña morrera na casa ao pouco
de nacer, e non tendo onde postrar o corpiño irto até o día do enterro, pousárono
no interor da hucha, amortallado nun envurullo de farrapos.
Durante anos, a hucha exhalou ao abrila un recendo a mazás verdes que todos
apuñan á estadía da defuntiña.
Aquilo deixou de acontecer sen que ninguén garde recordo do momento, mais a
inquedanza perdurou, e só no tempo en que as maciñeiras se enfeitande froito,son remudados os xornais que forran o fondo da hucha.
Lionel Rexes Martínez
Etiquetas:
(2015) 13º Certame de Microrrelatos
Certame de microrrelatos. 12ª ed. (2014)
Gañadora: Susana Villamor Prieto
Relato: Entre alcatrán e brea
Palabra: faro
………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:
Entre alcatrán e brea
Aquela tardiña pedaleamos polo camiño de terra ata chegar ao alboio dos
pescadores. Alí a vista abarca moita costa, desde a Illa do Pao ata a rompente de Punta
Roela. Caía a noite e había néboa nos cantís. As formas dos penedos, entre luces e
sombras, bailaban caprichosas ao son do roncar xordo da bucina do faro. Mais esa noite
algo raro flotaba no ambiente, un silencio contido, roto polo soar das campás da igrexa
de San Amaro, que non facían senón confirmar as nosas sospeitas de que nada bo
estaba a pasar. Voltamos as costas ao acantiladoe miramos á vila. Está todo a escuras
agás unha ringleira de luces febles que, escintilando paseniño pola rúa da Pedra, subíu a
costa da Fonte Vella e enfilou polo camiño de terra cara onde estabamos nós.
Agochamos as bicis e metémonos no alpendre, entre botes de pintura, alcatrán e brea. A
través dun pequeno bufardo contemplamos atónitos o paso daquel cortexo, envolto nun
murmurio de ladaíñas difusas e cunhas lámpadas que co fuscallo semellaba aínda máis
tétrico e misterioso.
Disque unha cuadrilla de operarios da compañía eléctrica ataviadas con lanternas
subira arranxar o transformados do Alto da Lama que, por mor dun raio, deixara sen luz
toda a contorna.
Mais non foi tal. Dígovolo eu.
Susana Villamor Prieto
Etiquetas:
(2014) 12º Certame de Microrrelatos
Certame de microrrelatos . 11ª ed. (2013)
Gañadora: Antía Yáñez Rodríguez
Relato: Quen
Accésit: Mónica Rey Santiago; Relato: O achado
Palabra: rizón
………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:
Quen
A lúa proxectaba luz suficiente sobre a auga salgada, mentres a embarcación
apenas producía movemento algún na superficie. Coma unha pantasma, avanzaba pola
ría dende había xa 20 minutos sen avistar ningunha outra nave, como era normal a esas
horas da madrugada.
Sen saber moi ben o porqué, pensou que, de estar a muller na casa, xamais lle
permitiría facer aquela excursión sen marealo a preguntas. A onde, por que, con quen.
Mordeu a lingua e fixo sangue, mais non se decatou. Quen. Quen, cando apareceu con
ese corte de pelo: quen, cando a viu con aquel vestido novo. Pero agora xa sabía quen.
Considerando que xa estaba o suficientemente lonxe da costa, lanzou pola borda
o rizón oxidado que atopara na Casa Vella, a do avó. Observou como descendía e
arrastraba con el a pesada carga, ata rematar mirando soamente a escuridade do mar.
Antía Yáñez Rodríguez
………………………………………………………………………………………………………………..
AACÉSIT:
O achado
Por moito que tirou da galga e logo do barco non deu arrancado o rizón do leito
de area do fondo. As uñas da áncora estaban tan fixadas ao fondo de area que semellaba
que o trangallo aquel fixera baleiro e que, de o ter arrancado, toda a auga do mar
ensumiría, como cando un quita o tapón a unha bañeira. Se cadra algún despoxo de
aparello abandonado, algunha rocha do fondo, pensou, suorento, mirando cara a illa de
San Martiño. Resignado decidiu poñer o traxe e o resto do equipo e baixar botar unha
ollada, maldita a gana que tiña de lanzarse ao mar e sentir aquel fluír de auga xeada a
percorrer cada oco do neopreno. Baixou á présa, a rumir o fastío que lle provocaba
aquel incidente, e seguíu a baixar cara ao fondo, cada vez máis espeso e máis frío. Alá
embaixo, a uns trinta metros da superficie, a auga túrbida de refugallos case non lle
deixaba distinguir o obxecto que tiña presa a áncora. Achégase e o corazón quere
saírlle do peito cando distingue, a emerxer do fondo, unhas costas e un brazo,
unha cabeza demuller. Unha figura enorme de madeira prendida a outro obxecto
chantado no leitomariño. Ao achegarse un pouco máis adiviña, inscrita no ombreiro
da figura, coma unha tatuaxe anacrónica e descontextualizada, unha verba exótica:
Maracaibo.
Mónica Rey Santiago
Etiquetas:
(2013) 11º Certame de Microrrelatos
Certame de Microrrelatos. 10ª ed. (2012)
Gañador: Antonio Manuel Fraga Allegue
Relato: Retrato da sombra dun can
Accésit: Suso Bahamonde; Relato: 1985, verán
Palabra: chalana
………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:
Retrato da sombra dun can
Son un can que viaxa nunha chalana río arriba, subo río arriba sentado na chopa
en silencio, mentres as abas do monte arden coas refulxencias místicas do sol de
setembro.
Acho que o meu dono me quere ben porque sei calar cando hai que calar e ladrar
cando hai que ladrar. Tamén nado canda el polas noites, na auga fría do río zarrapicada
de estrelas. Pola contra, non gustou de que lle matase as galiñas ao veciño, e eu tamén
sei que iso non estivo ben, mais non sei que me deu.
Ás veces, saco unha pata pola borda e xogo coa auga e as troitas quéixanse
nerviosas porque turbo a auga coa miña pata sucia. Tamén se poderían queixar do
ronsel que deixa o bote, ou mesmo das chapuzaduras dos remos no cristal fluvial. Mais
diso non din nada as fillas de puta. Unha brisiña lene como o veludo sécame a lingua.
Axiña habemos chegar ao campeiro. A suor debuxa sucos na fronte do meu dono, e
todas as engurras da súa cara murcha viaxan cando nós hoxe na chalana. Demasiada
engurras para o meu entender, mais eu que vou entender se só son un can que viaxa
sentado na chopa coa lingua de fóra e me asusto cando unha troita chouta desde a auga.
O meu dono rema e chora e, de cando en vez, olla de esguello a escopeta pousada ao seu
carón.
Antonio Manuel Fraga Allegue
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
ACCÉSIT:
1985, verán
Coñecina ao comezo do verán no que eu cumpría dezaseis anos. A miña familia
veraneaba naquel lugar tan aburrido da costa e todas as noites, despois de cear, os meus
pais xogaban a partida cos veciños na solaina da casa. Eu aproveitaba e paseaba polos
camiños que atravesaban o monte, fumando cigarros e observando as estrelas. Unha
noite cheguei diante dunha finca pequena, cun valado a medio facer, unha vella
caravana iluminada e unha desvencellada e descolorida chalana nun lateral da finca, na
que, no seu interior, había prantadas leitugas, tomateiras e acelgas. Un xardín botánico
illado nun océano de céspede. Aquela muller, duns trinta e pico anos, saíu da caravana e
pediume lume. Deillo e despois falamos trivialidades. Á noite seguinte volvín.
Convidoume a café e conversamos. Tiña os ollos máis tristes que vira nunca e
arrecendía a laranxeira en flor. Nun tempo estivera casada e tivera un fillo; tamén fora
mestra. Todas as noites daquel verán a visitaba e fumabamos, mirabamos as estrelas e
falabamos de libros, música e cine. A derradeira noite que a vin, deitámonos xuntos na
súa caravana e fixémolo amodo, mentres fóra un fino orballo marcaba as horas. Eu
perdín a virxinidade, ela gañou amor propio.
Hoxe, trinta e seis anos despois, leo o xornal aburridamente antes de ir á oficina e
miro o seu nome nunha pequena e solitaria esquela. Fóra comeza a caer unha tímida
choiva invernal.
Suso Bahamonde
Etiquetas:
(2012) 10º Certame de Microrrelatos
Certame de microrrelatos. 9ª ed. (2011)
Gañador: Lionel Rexes
Relato: Abonda que lle chaman Porto
Palabra: balandro
………………………………………………………………..
RELATO GAÑADOR:
Abonda que lle chaman porto
“Trátase dun metamorfismo de grao medio que ten conservado a estrutura da rocha en
pregaduras previas ao magmatismo”.
Esa foi a explicación científica para aquela pedra con forma de libro aberto achada nun
vello muro da parroquia de Lagoa, pero confiabamos máis na tradición oral ca na
xeoloxía. Sempre escoitáramos que o Valadouro tiña sido un mar, e a toponimia local
alimentara o soño.
A teoría do val glaciar non nos engaiolaba, viren do frío non achegaba a maxia de
crermos moradores duha antiga conca abisal onde sobrevivira unha atávica xeografía, O
Carballo Mariño, A Ribeira, A Augaquente… E a ninguén abraiaba o balandro chantado
nun pasto da parroquia de Carballido, topónimo que nos evocaba as fantásticas árbores
peláxicas que seguían vivas no maxín e no nomenclátor valegos. Esta imaxe era tan
natural coma supoñer que a pegada da ondaxe ficara reflectiva nas pedras dos valados,
ou vai ser casualidade que o balandro do pasto, orfo de sal e vento, estea no lugar que
está? Abonda que lle chaman Porto.
Lionel Rexes
Etiquetas:
(2011) 9º Certame de Microrrelatos
Certame de Microrrelatos. 8ª ed. (2010)
Gañadora: Beatriz Lorenzo López
Relato: Sabedoría popular
Palabra: Maré
(Non obstante, como na difusión a través de Internet das bases este certame houbo
unha confusión e grafouse "mar" no canto de "maré", a proposta por nós, na Lonxa
Literaria decidimos dar por válidos os relatos que tiñan tanto a palabra mar como
maré)
----------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR
Sabedoría popular
Ós quince anos quixen ser pescador. Ó abrente vía marchar ós homes coas canas no
ombreiro e os queipos na man, todos coa barba pechada e un cheirume acedo a
salmoira nas roupas e na alma. Cando o soubo, meu pai púxome a traballar na
tafona familiar.
- Lonxe dos ollos, lonxe do corazón -dixo.
Como xa non podía ver o mar, empecei a fabricalo. Aproveitei unha fornada de broa
para moldear media ducia de peixes xeitosos que sairon do forno negros e tenros e
vendéronse moi ben entre a rapazallada. As galletas e os biscoitos comezaron a
acadar forma de quenllas e sereas, ata de argazos. Foi un éxito.
-¡Carallo de galego! onde pon o ollo, pon o dedo -alegrouse o meu pai.
Pero cando lle pedín un día de feira cuspiu de esguello.
- Cría o corvo e sacarache o ollo.
Así que esa noite forneei unha balea doce e crocante, con fariña de biscoito e crema
de leite. Ó pai teríalle gustado, estou seguro, pero non a probou porque media hora
antes eu mesmo lle sacara os ollos para soterralos na masa latexante, coma
pequenos Xonás agardando no ventre de lévedo entre as froitas confeitadas e as
améndoas".
Beatriz Lorenzo López
Etiquetas:
(2010) 8º Certame de Microrrelatos
Certame de microrrelatos. 7ª ed. (2009)
1. Gañador: María Inés Liste
Relato: O coitelo do Matachín
2. Accésits:
Emma Pedreira, Crise
Eva Moreira, O abrazo
3. Palabra: escumallo
---------------------------------------------------------------------------------------------------
O coitelo do matachín
O coitelo do pai repousa no fondo do armario, con roupa de cando os fillos eran
nenos. É o coitelo que O Matachín lle deixou en herdanza.
Tivo días felices, anos lonxe. Séntese agora coma cando aforcaron a Hussein: as
miradas a non querer ver na escuridade do patíbulo e con promesas de norte en cada
golpe. Cada vez que el entra na casa o aire enrarécese e síntese tan presa coma en
Guantánamo, tan presa como quixo estar cando casaron e intercambiaron as
alianzas. Agora mira que nada o incomode, que a cea sexa deliciosa, busca erros onde
non os hai e o medo méteo alí, no fondo do armario, para poder vivir coma se non
pasase nada.
Minia estivo mirando fotos de cado ela ría e el a respectaba e quería. Un pranto de 25
anos súbelle pola gorxa cando se ve na fotografía vestida de noiva, de branco, sentada
na area con vestido extendido pola praia. Minia ve agora que o ceo daquel día
ameazaba treboada, que había gaivotas comportándose coma actores nunha de
Hitchcock.
Unha hora despois o mar enrabechado da foto mánchase de sangue no escumallo que
fan as xerfas contra as rochas. A casa invádese de verde Garda Civil e aparece todo
alí, no fondo do armario.
Mª Inés Liste
Etiquetas:
(2009) 7º Certame de Microrrelatos
Certame de microrrelatos. 6ª ed. (2008)
1. Gañadora: Victoria Lojo
Relato: U.S.A.D.O.
2. Accésits:
Xosé Alfredo Naz, Sete
Juan Zamora, Sen título
3. Palabra: nasa
----------------------------------------------------------------------------------------------------
RELATO GAÑADOR:
U.S.A.D.O.
Cando nasa, botareino o aire para que se vaia afasendo. Non deixarei que o vistan de
mexeriqueiro, nada de lasadas nin de encaixes. Traxes enteiros, busos desde a cabeza
ós pés. Cando nasa, xa me encargharei eu de mercarlle axóuxeres con formas de sol e
de lúa. Peghareille no teito da habitasión, enriba do berce, estreliñas de cores que
brillan cá escuridade. Cando nasa, nada de darlle a teta que non se sabe si come ou
non. Comida da farmasia, esa é boa, botes coas calorías e as proteínas ben contadas, as
ghraxas para os que non terán que loitar coa ghravidade.
Aprenderá a nadar e a aboiar. Tan pronto nasa, tense que afaser a vivir sen osixeno.
Desenvolverse flotando, aínda que sexa na augha, é o importante. Ghatear que
ghateen os ghatos. Seralle mellor coñeser as estrelas, as constelasións, os planetas e os
satélites que os números e as letras. Contareille contos de viaxes ó funil dos buratos
negros. Contando nove meses desde hoxe, naserá en xullo do 2009, corenta anos
despois do paseo polo mar da tranquilidade. Votádeme outra copa, aproveitando a
voda de seu pai, voume pór de pé para brindar polo futuro do meu futuro neto na
Victoria Lojo
-------------------------------------------------------------------------------------------------------
-------------------------------------------------------------------------------------------------------
AACÉSIT:
N.A.S.A.
El non lansará nasas ó mar coma min. Lansará Apolos o espasio. CHIN CHIN
Juan Zamora
Etiquetas:
(2008) 6º Certame de Microrrelatos
Suscribirse a:
Entradas (Atom)